Hai xa máis de tres anos que, debido á oposición municipal, conseguiuse en Tapia que non se destrozaran os lagos de Salave para crear unha mina de ouro a favor dunha multinacional canadiana. Pois volta a comezar: outro proxecto, menos intrusivo, iso si, está xa sobre a mesa. Esperarei a saber máis que o que hoxe trae a prensa e conectarei coa presentación que daquela fixera: coido que agora será a cousa diferente, pero o fondo por desgraza seguramente será parello. Unha ventaxa: unha volta sabido e se venceu unha vez, o enfrontamento preséntase dende unha óptica diferente, con máis moral e tamén con posibilidade de mellorar a estratexia.
Hoxe trae a prensa o resultado dunha sentecia do supremo: Segismundo García debe ser indemnizado. E, quen é? Por quen? Por que? É o propietario de varios negocios en Ribadeo, debe ser indemnizado por un dos iconos da cultura galega, Isaac Díaz Pardo, e porque iste, a raíz de diferencias sobre como se debe de levar a dirección do grupo Sargadelos, comezou a insultalo. Resultado: intromisión na honra. 100 € de multa. Despois do tratamento mediático que tivo o caso, unha indemnización irrisoria. Mentres, como segue o grupo Sargadelos, unha das insignias da industria galega pola proxección que ten? Da a impresión de que podía ir mellor. O caso que trata a prensa é só unha as arestas que leva anos emponzoñando un grupo de empresas punteiro, que inclúe un grupo de comunicación. Isaac Díaz, mentres, vai de xulgado en xulgado, como se pode ver seguindo a prensa.
Para rematar doutro xeito, deixo algún dato estatístico sobre Ribadeo: o ano pasado había case un 3 % de residentes estranxeiros en Ribadeo, e a idade media dos ribadenses censados pasaba de 45 anos, sendo máis lonxevas a mulleres que os homes. O saldo de mortos / nacementos é de 108 contra 63, co que, se non fora pola inmigración, Ribadeo tería 45 habitantes menos. Contando con ela, ten 157 máis. É dicir, Ribadeo medra, pero en certo xeito é cada vez menos Ribadeo. Mellor: está pasando a ser ‘outro Ribadeo’. Mellor ou peor para vivir nel? Sinxelamente, diferente. O de mellor ou peor incide noutras características máis relevantes para o tema.
