Na tele, onte, collida ao voo dunha charla nunha película mala: “Traballo só por cartos” – “Non son os cartos os que me preocupan, senón o ‘só’”
En tempo de crise parece todo xustificado polos cartos e só polos cartos, máis aínda que en tempos normais, aínda que o que se chama economía (e en realidade é contabilidade de cartos e só de cartos actuais) o fora engulindo todo xa dende hai tempo.
Xa o dicía alguén: ‘os cartos moven o mundo’ … esquecendo que sen mundo os cartos poden ir ó carallo.
É curioso ver algunhas posturas como a que manifesta hoxe na prensa un partido de Trabada, facendo da crise un arma para opoñerse a un proxecto de recuperación dunha senda destinada ó turismo. Non sei cal é (coido que pode ser a do ferrocarril, pero non o podería asegurar) e descoñezo o impacto ‘económico’ das alternativas que propoñen de pasada, pero chámame a atención que a inversión non parece ser unha proposta de agora (é dicir, houbo tempo anterior para proposta) mentres que se entende que a crise debe facer variar o destino deses cartos. Máis ben cabería pensar que se os cartos estaban ben destinados antes, seguirán ben destinados agora (e viceversa), ao menos mentres non se de máis explicación que a sinxela mención á crise.
Lémbrame algo que me ocorreu hai xa case vinte anos, con alguén defendendo o recheo vello (onde está a lonxa) ‘aínda que creara un só posto de traballo’, sen considerar o efecto a longo, medio e mesmo a curto prazo non só en ecoloxía ou turismo, senón tamén … en postos de traballo.
A foto, dun dos moitos furados na estrutura da Torre dos Moreno. Este, pola esquina traseira.