Onte, ó pasar por enésima volta por diante do muro da foto, ver o seu emparedamento entre o ceo e o asfalto e o acompañamento do lateral dos edificios veciños, decidín tomar a foto.
O revestimento mural de cartelería, nun lugar estratéxico de paso ós institutos, é renovado periódicamente, acadando sucesivamente máis e máis extensión. Coido que, debaixo da cartelería, nalgún lugar, hai un recadro onde estaba permitido a colocación de carteis, deixando o resto do muro libre. Recadro desaparecido que fai pensar no mantemento das leis despois da súa promulgación, e máis aínda, as forzas que as crean, as manteñen e velan polo seu cumprimento.
Coincidiu o anterior con que caera nas miñas mans un folleto sobre a “Lei de protección da paisaxe de Galicia“, folleto que, no por que desta lei comeza cun apartado que titula ‘o noso orgullo’, e remata con outro que encabeza con ‘o futuro da paisaxe, o noso futuro’. Non obstante, está aderezado con outro apartado que titula ‘o que fixemos ben’, despois de comezar facendo referencia ó seu nome completo, incluíndo a súa data de nacemento, baixo o bipartito, o que, despois dalgunhas notas aparecidas na prensa sobre a diferente interpretación de moitas cousas do novo goberno fronte ó pasado, fai dubidar da súa aplicación ‘tal cual’.
Coincide tamén ca nova de prensa da xustificación pola Xunta da liña de alta tensión, que pasa a ser de interese supramunicipal mentras a empresa xa comezou os contactos para a adquisición de dereitos de paso e aínda sen comezar o prazo de alegacións.
É así como uns poderes impulsan as leis, se interesesan a outros (ou ós mesmos), póñense en funcionamento e mantéñense, e aínda, se interesa a outros (ou ós anteriores, ou ós primeiros), cúmprense ou fánse cumprir… alomenos para un grupo social. Camiño tortuoso ás veces, pois o promulgar unha lei é só un comezo que parte do público afectado ve moitas veces como final; de aí a importancia de exercer como cidadán cos seus dereitos, en troques de pasar a mero consumidor, mesmo de leis.
Nota posterior: En comentarios deixo a nota de prensa orixinal da Xunta refrente a liña de alta tensión.