Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Pleno de 20100510


    Cun máximo de 16 asistentes de 9 ó comezo de rogos e preguntas, ás 10 menos 5 da noite, transcorreu onte o pleno de maio.
    Unanimidade nos primeiros puntos da orde do día: a aprobación da acta anterior, as resolucións da alcaldía (onde foi preguntdo por UPRi o motivo de poñerlle a un pub unha multa coa contía mínima dentro da gama dispoñible, de 60,01 € por manter as portas abertas deixando saír o ruído), licenzas de primeira ocupación, alegacións ó POL (polo menos eu, sigo sen saber cales son), e as bases do ARI (área de recuperación integral, para subvencións) de Rinlo para 2010.
    O punto nº 6 xa tivo discusión. Tratábase co convenio con SEPES para a xestión comercial do polígono industrial, onde houbo 11 a favor e a abstención dos dous representantes de UPRi. A base da pequena discusión foi que SEPES pasará ó concello un 3% sobre a venda para realizar a xestión, pero, se non se vende, o concello non recibe compensación por ter a alguén adicado. O PP apuntou que non se contratara a ninguén novo para facer as pertinentes xestións, senón que se contara ca axente de desenvolvemento local para o tema.
    O 7º foi a aprobación do RRI do Hospital, mantendo a redacción da aprobación inicial, despois de descartar en comisión as propostas do BNG (2 a favor, 4 en contra e 1 abst.) e O Tesón (6 en contra e 1 abst.). Resultou unha votación con resultado pouco frecuente: 7 a favor (PP e PSOE) e 6 abstencións (BNG e UPRi)
    Pasouse logo ó punto máis longo, a contratación dunha empresa para as obras da travesía. Aquí xurdiu unha discusión, non acalorada, pero si con aristas diferentes para cada grupo, comezando polas queixas de que, despois de dúas modificacións das bases para favorecer a presentación de empresas locais, istas non acudiran, e que se fixera retrasando a obra (de feito, xa se tivo que pedir unha próroga ó Mª de Fomento). Despois, pasouse á consideración de que a beneficiaria proposta fora Aquagest, que non aparece tendo como actividade principal as obras públicas, senón a xestión de augas, e sendo previsible que teña que subcontratar, mentras que foron descartadas outras empresas que si teñen como fin principal a obra pública. Por certo, que neste punto, se non entendín mal (a acústica segue deixando moito que desexar), o representante do PSOE Ramón López dixo que xa se sabía a quen ía facer a subcontrata, a pesares do que o pleno seguiu en calma por unha e outra beira. Falouse tamén de que as diferencias de puntuación son pequenas e a xustificación dos puntos non está desglosada nin explicada de xeito convinte, saíndo a relocer a competencia dos técnicos municipais.
    Así as cousas, e por propostas semellantes aínda que con base diferente por parte de cada grupo, optouse por deixar un tempo de estudo e consulta co que voltará a presentarse a pleno próximamente, ‘no menor tempo posible’, despois de suscitar un comentario do alcalde sobre que esperaba que a dilacción non fora para forzar a imposibilidade de cumprimento dos prazos concedidos por Fomento, nos que xa se leva retrtaso mesmo despois da ampliación pedida o ano pasado.
    O noveno punto, o expediente de desafectación para failitar a permuta e ampliar o acceso do camiño que conduce ó campo da festa en A Ponte de Arante, pasou con unanimidade e mesmo co recoñecemento do PP de satisfacción e agradecemento ós servizos xurídicos pola atención prestada.
    Chegados a este punto, presentáronse varias mocións, unha do PSOE sobre a transición á TDT, outra de UPRi sobre o paso bimestral dos recibos de luz, outra do PP en apoio do porto de Mirasol e outra de urxencia de UPRi en relación ó expediente sobre unha traballadora do piso tutelado, que serán tratados na segunda parte.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *