Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Mirando co Rei a Cataluña, non a Madrid


Nova de onte foi, que o Rei, recén operado, declarouse orgulloso da sanidade pública. Pouco de novo tería a cousa e pouco en relación a Ribadeo: a sanidade pública española parece ter un bo nivel internacional, e non foi nun centro galego nin mariñán que o Rei se operou. É máis, non lle prestara grande atención ás novas relativas á operación ata que onte fixeime que o encabezamento da crónica nun xornal incluía un ‘Barcelona’. Vaites, o Rei non estaba en Madrid, senón que fixo a operación como un desprazado a Barcelona! Estaba actuando como un británico que ven de vacacións a España e ‘aproveita’ para operarse porque aprecia a diferencia entre a sanidade pública española e británica despois da privatización de Margaret Thatcher. Entón fixeime un pouquiño máis, e vin que o Rei axustou unha frase máis: “en España temos que estar orgullosos da sanidade pública que temos, tanto aquí, en Cataluña, como en Madrid”. Si, pero foi operarse a Cataluña. A frase soa a desculpa de mal pagador, ou a aclaración non pedida. E resulta que Madrid segue o modelo estatal respecto á sanidade no tocante ós pacientes, pero a xestión hospitalaria decantouse hai uns anos polo cambio, e dende entón as queixas van in crescendo. E Madrid é o modelo declarado a seguir en Galicia… agora xa se vai achegando a cousa a Ribadeo.
Á Mariña, onde nos afectan as declaracións de onte de Pilar Farjas, conselleira de sanidade, quen marea a perdiz co tema de onde vai quedar a dirección da área da Mariña.
Así pois, está claro que hai que insistir e presionar para tentar que non pasen dun: aí está a consecución, tratada onte tamén na prensa, de que volten a Burela as autopsias. Claro que neste caso as implicadas foron empresas. Pequenas empresas, pero empresas. E o estatuto parece ser de maior categoría cando as cousas as fan as empresas que cando as fai a cidadanía como tal. Mentras, o apoio a Burela como śe de poder sanitario propio queda reducido ó testimonial cando se fai un acto, e sobre todo, os tempos que sopran para a calidade sanitaria pública en Galicia non implican precisamente unha mellora de calidade, nin a medio-longo prazo un aforro (a curto, é diferente).


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *