A definición dun porto pasa pola consideración dunha lamela de auga útil e a superficie terrestre usable. Nun porto interno a unha ría relativamente non moi grande, ambas están relacionadas, pois a máis cantidade dunha, menor disponibilidade da outra. En Ribadeo, a lamela de auga que se mermou hai non moito en 8 000 m2 usouse para dar ó peirao unha maior superficie terrestre. A parte das consideracións sobre a súa conveniencia no relativo a correntes na ría, arrastre de materiais ou sedimentación, hai quen opina que foi un erro reducir unha zona de atraque con auga máis calma para convertela nunha superficie na que os barcos non poden estar e no seu momento houbo compromiso de non construír.
Agora portos volve a anunciar máis anchura na beira do peirao e un novo dragado. É certo que a bo seguro a anchura que se lle pretende dar é a continuación da liña de atraque que agora métese para deixar un retranqueo inexplicable na zona norte, e que os dragados son máis do mesmo que se leva feito estes anos. Pero tamén o é que polo momento o plan de conservación da ría non existe, e un estudo de proxección de futuro do porto, tampouco. E mentras sabemos que nas últimas décadas aumentou a necesidade de dragado, bótase máis material á ría, o que previsiblemente aumentará a necesidade de sacar area. Hai anos que xa foron esquecidos os estudos de I. Asensio que predicían a lama na praia dos bloques, e que eu saiba non foi publicado nada semellante de xeito posterior para as actuacións da ría, e os impactos ambientais son descoñecidos para a cidadanía… Parece como se o futuro se vira ninguneado polo actual. E unha actuación na ría e no porto sen unhas miras amplas é algo que non deberamos permitirnos.