Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Sobre poboación: o xarrón poboacional


Con datos do último censo publicado, 2009, a chamada ‘pirámide poboacional’ de Ribadeo debera chamarse mías ben ‘xarrón poboacional’, pois máis que dunha pirámide a súa forma é a dun xarrón, coas beiras ben amplas e saíntes.

Destacaba onte La Voz de Galicia que en Lugo provincia hai máis xente entre 85 e 89 anos que entre 0 e 4 anos. Se miramos o gráfico correspondente a Ribadeo (que se pode ampliar premendo co rato sobre el), atopamos que hai máis mulleres maiores de 75 anos que menores de 15 (nos homes non ocorre o mesmo, pois a esperanza de vida é menor).

A pirámide poboacional de Ribadeo non debe tomarse separada da do resto de Galicia e España, pero, baixo os criterios ‘normais’ ata hai pouco, presenta un perfil desastroso. Desastroso porque non asegura nin moito menos a poboación (o mesmo que toda Galicia, o número de habitantes, de non mediar emigración, caerá en caída libre), o chamado ‘relevo xeracional’, que fará que a poboación siga a envellecer e cree problema como o de o coidado de persoas maiores e os recursos para facelo, a competitividade produtiva, etc.

Voltando á pirámide poboacional de Ribadeo, parece abondo lóxica a decisión tomada de reconverter os dous IES nun só, aínda que dita decisión se inscriba noutros parámetros. Tamén parecería lóxico que os próximos 20-30 anos deran lugar a unha certa tregua ós servizos de atención a maiores de Ribadeo, antes dun incremento relativo explosivo ó chegar os seguintes segmentos poboacionais á vellez.

Como unha curiosidade, a porcentaxe de homes por tramo de idade deixa clara a pervivencia das mulleres, tamén en Ribadeo.

Con outro conxunto de variables, temos para a poboación de orixe extranxeira por homes e mulleres:

——-Homes————————- Mulleres

Total Española Estranxeira Total Española Estranxeira

4.745 __4.541__ 204____ 5.238__ 5.002 __236

Iso significa que a poboación de orixe extranxeira está en menos do 4% en homes e no 4,5% en mulleres, abondo lonxe do 10% de media hispana.

Respecto a estes datos, non tiro conclusións, pero apunto que a práctica 100% está en idades comprendidas entre 15 e 60 anos, isto é, con pouca carga para os servizos sociais de atención á idade (por certo, na prensa de hoxe trae os adxudicatarios do sorteo de 30 vivendas sociais, entre os que se atopan dous -2- nomes que soan a orixe extranxeiro, isto é, 6,7%, e polo tanto, unha porcentaxe inferior que a que teñen os ‘extranxeiros’ no grupo de idade en disposición de pedir unha praza no sorteo).

Máis cousas e con máis porfundidade se poden sacar da estatística, pero por agora, aquí queda.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *