Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Prognóstico e máis verbas


Hoxe sae na prensa un prognóstico que me pediron para as eleccións municipais en Ribadeo 2011. Foi 5 para BNG, 4-5 para PP, 3-2 PSOE e 1 UPRi, pero coido que o máis importante do tema non foi iso, o dar un prognóstico segundo unha visión persoal, senón enterarme de que polo visto, o dar a opinión sobre este tema, o emitir un prognóstico, sexa algo que á xente lle custe traballo facer. Polo que parece, dicir o que un pensa non só non é político, senón que xera medo. E medo da a situación que isto provoca.

Hoxe haberá unha confrontación entre os catro candidatos. Despois de catro anos, e de catro anos de asistir a moitos plenos, será curioso velos noutro ambiente, pero sobre todo, corroborar o dito actual co dito pasado e co feito. E os temas? Supoño que como en edicións anteriores de confrontacións deste tipo, serán divididos os tempos e asignados temas a cada un, pero aínda así poderemos ver se se tratan dentro dos apartados xerais un ou outro, se se fai máis énfase ou menos, etc. De calquera xeito, será unha actuación fronte ó ‘traballo’ do pleno (moitas veces tamén actuación).

A ilustración, a barca de Calvo-Sotelo, a ‘Juanín’, na nova rotonda da travesía, no xardín, polo momento sen asegurar no sitio e sen mastro, e fronte a unha fonte que segue a dar as costas ó ‘parque de indianos’.

– Actualización ó mediodía: O debate da tarde foi suspendido polo terremoto de Lorca (Murcia) –


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *