Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

TTT, conto popular español


Algúns manteñen que é un mito. Outros, algo cambiado pola perda da memoria  histórica na noite dos tempos. Hai quen mantén que é un segredo deformado, polo boca a boca e que nunca se saberá a verdade pola opacidade e dificultade de interpretación documental, pero as diferenzas, no fondo, son pequenas, e poderiamos comezar o conto como segue:

Había unha vez tres tristes traxes … que se sentían moi soios. Case todos os ninguneaban, non lles daban importancia, mesmo parecían unha graza, unha chanza en si, de xeito que decidiron reunirse para estudar a situación. Así, xuntos, xa parecían algo, e tomaron un pouco de confianza: xa non eran un traxe aquí, outro aló, outro acolá, desperdigados, senón algo máis sólido. Viron crariño que a unión fai a forza. E decidiron probar a aumentar o grupo para ver se alguén os tomaba máis en serio.

Invitaron a outros traxes, así ata xuntarse 12, e decidiron que era bo,;mesmo xa tentaban esquecelos, pero notábase que era a posta, non para ningunealos, senón para tentar evitalos, como se así se fixeran desaparecer. Os traxes notáronno, e decidiron que a estratexia era boa. Chegados a este punto, por que non diversificar? Por que non probar cousas novas, por exemplo, americanas? Catro delas uníronse ó grupo, e déronlle diveridade entre un esquecemento cada vez maior e cada vez máis patentemente indicador de medo ó grupo.

Así, a cousa seguiu, completando o vestiario. Viñeron ademáis cinco pares de zapatos, e botaron a camiñar, aínda baixo o ocultamento, pero sabendo que camiñando, camiñando, poderían saír de calquera tipo de ocultamento. 

Para saír máis rápido á luz, para ser máis visible, que mellor que unha corbata, tratándose de traxe de cabaleiro? Vése algo mellor? Non, decidiron, e incorporaron catro corbatas ó grupo.

E chegou o momento de botar contas, que as cousas caras saben botalas con grandes números, e xa comezaban a ser grandiños… Sumaron e sumaron, e xa ían en 14 000 €.

Aquí pérdense tódalas historias e comezan as conxeturas. Hai quen di que a cousa quedou aí, na paga anual dun mileurista, pero tamén quen apunta a que o grupo seguiu a medrar, diversificando a outro tipo de posesións e máis cartos, ou, polo contrario, quen di que o grupo, nun último intento, quedou relegado á noite dos tempos polo seu propietario, adláteres e medios de comunicación tras un honroso acto final, atendendo á cualificación dos máis próximos a ditos bens e ó seu propietario.

De calquera xeito, en segredo, corren rumores que hai xente que segue na procura de datos do mito ou da historia, e que aparecerán máis, ó tempo que otros investigadores están mirando (parece que con asombro) ás consecuencias que tería noutros mitos e mesmo no futuro da mitoloxía popular.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *