Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Asinada por tódolos grupos políticos do concello e o portavoz das asociacións veciñais: Ribadeo segue unido para conseguir a residencia


Corto e pego a nota de prensa do concello:

ESTÁ ASINADA POR TODOS OS GRUPOS POLÍTICOS NO CONCELLO

Nova carta a Beatriz Mato

02/05/2014

A comisión pro residencia de maiores en Ribadeo
acaba de enviarlle unha carta á conselleira de Traballo e Benestar na
que lle lembra que o Concello agarda desde decembro para formalizar a
partida de 500.000 euros comprometida pola Xunta para esa importante e
necesaria infraestrutura. E pídelle que decida dunha vez por todas, “se
apoia ou non o que todos os veciños, veciñas e a Corporación de Ribadeo
apoian e piden”. A comisión considera que hai unha clara falla de
vontade política en apoiar un proxecto ao que a Deputación de Lugo
destinou 1.823.000 euros.

Na carta enviada a Beatriz Mato a comisión lémbralle que “levamos
desde o 20 de decembro, data en que presentamos a última documentación, á
espera de que nos comunicaran o procedemento a seguir para garantir ou
formalizar o finanzamento comprometido por parte da Xunta. Vímonos en
consecuencia na obriga de prever nos orzamentos do Concello a achega que
vostede nos prometeu con cargo a fondos propios, debido a que tiñamos
que licitar a obra para poder investir, e non perder as partidas anuais
consignadas pola Deputación e que, necesariamente, xa temos que empezar a
xustificar nesta anualidade 2014”.

Sobre o informe que hai uns
días chegaba ao Concello de Ribadeo desde dúas Subdireccións Xerais da
Consellería de Traballo e Benestar na carta sinalan que se trata “dun
contra informe con argumentacións vagas e con pouco coñecemento do
proxecto de Ribadeo; e a maior abondamento, un contra informe que
ademais fai outra cousa, señora Conselleira, que non podemos permitir:
atrévese a poñer en dúbida a legalidade dos procesos de contratación que
o Concello de Ribadeo poida facer coa residencia unha vez construída.
Procesos que, como é lóxico, nin sequera comezaron. Poucas veces se
puido ver tal grao de desconfianza e falla de respecto institucional
entre Administracións”.

Na carta asinada polo alcalde, a
concelleira de Servizos Sociais, os portavoces municipais do PP, do PSOE
e de UPRI e o portavoz das asociacións veciñais din ser coñecedores de
que “a outros Concellos desde a Consellería se lles finanzan na súa
totalidade ou se lles cofinanzan proxectos similares, sen que exista nin
a colaboración, nin a unanimidade do acordo, nin o impulso e mesmo a
grave necesidade que ten o de Ribadeo. Non lle estamos a solicitar nada
extraordinario. Só que colabore connosco, e que cumpra coa súa promesa”.

E subliñan que “de non facelo así, poderán vostedes intentar
esconder a súa falta de vontade política para apoiar este proxecto con
todos os informes técnicos que consideren, que iso non nos vai facer
minguar a nosa responsabilidade de executar en Ribadeo o que lle
prometemos a todos os veciños e veciñas. Isto non consiste en abrir unha
dialéctica técnica na que non imos entrar. O Concello de Ribadeo ten
que cumprir coas súas obrigas e responsabilidades acordes á lei e así o
fará, como sempre, e incluso neste caso dará resposta, unha por unha,
desde ese punto de vista técnico, a todas as dúbidas que manifestan
sobre a viabilidade do proxecto… E vostede, á vista do anterior, deberá
decidir dunha vez por todas, se apoia ou non o que todos os veciños,
veciñas e a Corporación de Ribadeo apoian e piden”.

A comisión
pro residencia de maiores en Ribadeo prégalle a Beatriz Mato que “se
contamos coa súa vontade política, e esperamos e desexamos que siga
sendo así, nos indique o procedemento a seguir para a sinatura do
convenio ou a fórmula que decidan para formalizar a achega prometida dos
500.000 euros anteditos, co obxectivo da construción da residencia de
maiores o antes posible, e poña data e hora para dita formalización”.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *