Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Unha lección de historia? Un manexo: “Hable bien”


Despois de ver que os xornais o ignoraban…

Como é costume, o segundo exame das PAU foi o de Historia de España. O que non é tan habitual é que entre os documentos a xulgar se aporte unha reprodución dun panfleto repartido na Coruña no 1947 instando ó uso do castelán:

HABLE BIEN

Sea patriota – No sea bárbaro

Es de cumplido caballero que Vd. hable nuestro idioma oficial o sea el castellano. Es ser patriota.

VIVA ESPAÑA Y LA DISCIPLINA DE NUESTRO IDIOMA CERVANTINO

¡¡ARRIBA ESPAÑA!!

Así, sen coma onde debera e con diferente tipografía.

O documento ía na folla de exame en conxunto con outros que podemos comentar outro día, por xunto ou por separado. Pero con este chega para unha ampla análise. Para comezala, o de ‘fala ben’ tentaría descualificar un xeito de falar, pero non no sentido tantas veces aceptado de evitar expresións bruscas ou que podan resultar ferintes ó ouvido, senón que asimila ditas expresións ó galego…

A segunda liña enfronta patriota e bárbaro, primando o patriota -‘español’ nun sentido moi concreto, claro- con todas as virtudes (mesmo o primeiro lugar na liña) o barbarismo sendo asimilado a todo aquelo que non representa patriotismo no sentido antes dito, nun conxunto de dación e despoxo notable con poucas verbas.

O parágrafo máis longo faise eco doutra cita que aparece no exame e que chama en teoría á unidade, pero en realidade ó monolitismo  definido polo poder (a unidade en torno ó sinalado)

A liña seguinte… ben, por se non fora abondo a exaltación lingüística, aproveita para mentar a disciplina. Por suposto, disciplina arredor da pauta sinalada polo poder.

Por último, o de ‘arriba España’ necesita dobre admiración, rematando o crescendo da nota e sinalando o destino común, obxectivo e xustificación interpretada non só da nota.

Así, pois, non tanto unha lección de historia como unha parte da historia dun manexo… político-lingüístico?

Unha nota:o conxunto de documentos do exame versaba sobre a unidade/diversidade de España.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *