Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

O Gran irmán, cada vez máis cerca


Coido que na tele están a poñer a edición XXL de Gran irmán. O morbo é así.

O que se está a propoñer estes días en Viveiro (e cando vexas as barbas do teu veciño cortar…) comparte nome e orientación de vixiancia, pero é outra cousa: pásase da vixiancia limitada no tempo e voluntaria a cambio de prestacións en televisión á vixiancia continuada con cámaras na rúa a todo o que use o espazo público, ó estilo do ‘gran irmán’ ideado por George Orwel.

Din  que nunha enquisa primaveral, máis das 3/4 partes das persoas coincidirion en que sería unha vila máis segura con cámaras de seguridade. Será que o pensan, aínda que non sei como era a proposta da enquisa, nin o deseño da poboación enquisada.

De pronto, en xuntanza mantida onte, advírtese que non será así, que non será un ‘gran irmán’. Na xuntanza participaron unha empresa de seguridade que comezará a encargarse do tema, os empresarios (a función para a que é ideada é para a protección dos comercios), responsables políticos e xefes policiais. Entendo que a poboación de Viveiro está constituída por veciños, pero por ese concepto non había representación, e a referencia ó gran irmán era para os veciños.

Na xuntanza tamén se dixo, parece ser, que Viveiro era un pobo seguro, pero aínda así, que as cámaras disuadirán ós ladróns. A instalación está prevista en 7 lugares, o que implica como mínimo, outras tantas cámaras, para as que se espera subvención, claro.

Cámara de seguridade. autor:Rama. lic. CeCILL

Hoxe, con medios, é doado facer unha vixiancia intensiva. Cámaras fixas, pero tamén drones (polo momento non é o normal por estas terras). E, que evitan? Se a xente ve invadida a súa intimidade e non fai a vida normal, é un perxuízo de entrada tan grande como a intrusión de cando en vez para roubar. Se non varía a súa vida normal, os ladróns cambiarán as súas pautas e o que servirá será para controlar a vida da xente. Poderá evitarse sempre algunha cousa, e dará oportunidade a outras. En Ribadeo, hai poucos meses, nmun edificio no que os veciños están vixiados nas súas entradas e saídas, pois conta con catro cámaras cenitais na rúa instaladas por unha entidade bancaria, houbo un par de roubos no mesmo día, e logrouse identificar ós veciños que entraban e saían, pero non ó ladrón. Referente ó servizo desas mesmas cámaras poderiamos seguir a falar sobre o que permiten facer, pero entendo que a cousa está clara: as cámaras póñense co pretexto da seguridade, e o seu uso implica unha seguridade cando menos, sesgada, e un control para quen estaba mellor sen el. Os cacos toman medidas, a xente normal, non. E é a que se ve ou pode ver afectada.

adxunto o publicado por Iván Arias Balsa (inv. en dereito constitucional da USC) na Voz de Galicia/A Mariña o 20151031:

Sobre a videovixilancia urbana en Viveiro

O 28 de outubro, La Voz de Galicia anunciounos
que, en Viveiro, se ía dar unha reunión a «catro bandas» para decidir
sobre a proposta dos comerciantes locais para implantar un sistema de
videovixilancia urbana, co cal se enflautan os corpos de seguridade
pública e o mesmo Concello.

As taxas de criminalidade no Concello de Viveiro, no
ano 2011, dacordo a estatística da Subdelegación do Goberno en Lugo, son
as máis baixas do conxunto de España. Viveiro é un lugar apacible. É
certo que se deron casos delictivos graves; pero fóra de zonas onde
podería operar a videovixilancia, como portais, pisos, e sobre todo, o
rural do municipio. A resolución de casos criminais no noso municipio
ronda o 100%, de tal forma que a totalidade dos delincuentes locais son
sometidos á acción da xustiza. Non empeoraron as cousas dende entón.

40.000, ou 60.000 Euros, son un custo considerable
para unha medida que non aportará melloras tanxibles á seguridade
cidadá, excepto meter medo. Máis cando as medidas de vixilancia por
cámaras son doadamente vulnerables se non existe unha resposta inmediata
(imaxinemos: enmascararse ou cambiar a roupa canto antes despois de
cometer o feito delictivo). É dicir: as cámaras non evitan o delicto se
non existe un control, en tempo real, por unha patrulla que saia ó
encontro do delincuente no momento que se produce o suceso.

A instalación de cámaras de gravación en lugares
públicos mermará os dereitos fundamentais da cidadanía, nunha vila onde
todos nos coñecemos, e onde calquera medida de seguridade resulta
evidente para calquera tipo de delincuente ou pirata. ¿Cal é o sentido
de establecer unha vixilancia pública tan insalvable para ?e
vulneradora? os dereitos dos veciños? ¿O «Gran Hermano» orwelliano chega
a Viveiro? ¿Asumimos a perda de liberdade para favorecer unha
improbable mellora da seguridade?

Faría ben o Concello (que non o fará) en solicitar do
Goberno central a autorización para a realización dun referendo
municipal, para que os veciños ?«quinta banda» e interesados neste
asunto?, co seu voto, se pronunciasen sobre a medida da instalación
deste tipo de sistema de control. Porque o que está en xogo non é a
seguridade pública ?que parece que xa existe, a xulgar polas
estatísticas? senón que os dereitos e liberdades públicas de tódolos
habitantes e visitantes de  Viveiro.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *