Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Muller traballadora, repetindo estereotipos


Unha semana de traballo por diante pode verse de moitos xeitos. Dende con desesperación ante un traballo que non gusta e que se amontoa ata con naturalidade ante un traballo que apaixoa e que se fai con gusto. Séxase muller ou home.

Son consciente de que soe haber diferencias diversas, comezando polo ‘traballo fóra do traballo’, e que por iso se tenta ‘celebrar o día da muller traballadora’, do que xa teño falado algunha vez. Mais os perigos de procurar a igualdade hai veces que son patentes, mirando a igualdade mesmo no lado malo, a ‘igualdade á baixa’.

Collo a idea dunha foto que saiu hai un par de días na voz de Galicia, e da que, a falta de permiso para reproducila, tentei tentei expresar a mesma idea cunha pequena ilustración á que lle hai que poñer intención / imaxinación:

Sexa un grupo de mulleres, catro de pé, mirando, traxeadas, sorrintes, e unha inclinada, á que case non se lle nota a cara, e polo tanto, a expresión, traballando.

Ben, o primeiro que me veu á cabeza foi a típica viñeta do ‘operario español’ (aínda que me consta que tamén circula por outros países) no que hai uns miróns, por fóra dunha valla, un capataz, un director de obra, un xefe de cuadrilla, un descansando, outro mirando… algúns máis sen identificar claramante o que fan, e un obreiro traballando. As versións que circulan son variadas, pero sempre todos caracterizados como homes. Neste caso, nesta foto, eran mulleres, pero se ben se vía que traballadora era unha, as outras eran tamén ‘mandos’, ‘observadores’, se ben de tipo político.

Unha semana por diante ben diferente, imaxínase un, para a traballadora que está agachada e as outras que están de pé. E que poden estar cumprindo tamén unha semana agotadora mesmo cunha misión altruísta, pero que na foto daban (ao menos a min) unha imaxe de ‘xa visto en versión masculina’ que me fixo pensar sobre o que vía.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *