Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

De visións diferentes a mentiras. Hospital da costa, sanidade pública


Chega con que un non quera para que dous non se entendan. E ese principio xeral non entende de intereses, aínda que, cando a cousa é pública, si entende de xeitos de mentir.

Hospital da Costa en 2015. Foto de Elisardojm en gl.wikipedia.org, lic. CC recoñecemento compartir igual 4.0 internacional

Coido que iso é o que está a pasar co mantemento da sanidade pública, a centralización sanitaria en Lugo, e o hospital de Burela. Se hai unha decisión de favorecer a sanidade privada, xustifícase a transferencia de cartos a empresas esquecendo que iso implica o corte de cartos e consecuente desmantelamento da pública, segundo o coñecido principio de desvestir un santo para vestir outro. Se se quere centralizar en Lugo, fálase das avantaxes de ter mellores equipos de alto custe e especialistas máis especializados esquecendo os inconvintes de cousas como desprazamentos ou sinxelamente de que se debe falar de servizo como elemento central e de custes e orzamentos en función daquel. Se se quere gabar o hospital, piropéase ó persoal para apuntalar unha lista de espera con múltiples furados que si, podería engrosar moito máis se non houbera persoal disposto a apoiar, pero evítase falar de cousas como da reasignación de novas datas, que supón unha maquillaxe real, ou do desvío de pacientes á privada, que se presenta como alivio da pública mentres supón un desmantelamento efectivo e transferencia de cartos á privada.

E nesas estamos. Mentres o día 4 hai unha manifestación a nivel Galicia en defensa dunha sanidade para todos -por certo, de Ribadeo sae un autobús posto polo concello, tamén poder público enfrontado ó da Xunta neste caso-, dende Lugo dise que a sanidade funciona mellor ca nunca, ‘con datos obxectivos’ elixidos despois de descartar os ‘menos interesantes’. E se hoxe, mércores, volve haber a protesta semanal diante do centro de saúde de Ribadeo, para Santiago (así se di algunha vez, facendo pasar á poboación de Santiago polo poder decisor da xente que manda dende San Caetano) serán catro matados mal informados. E esta última palabra lévanos ó lugar onde se da a confrontación fundamental: a información/desinformación. E é entón cando podemos lembrarnos das subvencións directas ou encubertas que recibe determinada prensa, de xeito que se chega a non saber se é para ter a prensa de man ou dádivas debidas pola contribución ó mantemento no cargo, é dicir, ‘quen debe a quen’ ou ‘quen conflúe con quen’. Engadín isto porque é doado comprobar como pode variar a idea que ten a xente segundo o xeito que teña de ler ou escoitar, de a quen lea ou escoite e das relacións que sexa capaz de facer con eses datos qeu lle chegan… Si, a xente non é tonta, e non se pode enganar a toda a xente todo o tempo. Pero parece que chega con enganar xente abonda durante un tempo axeitado ó que se quera, ou desmotivar a protesta artellando leis convintes cos intereses ou sinxelamente favorecendo algún tipo de entretemento ou felicidade aparente que substraiga tempo e/ou enerxía (cartos, esforzo) debilitándoa e controlándoa.

Por último, dicir que nesta entrada estase a tratar dun caso concreto, a Sanidade, a nivel Galicia, pero poderíase tratar doutros casos a niveis dende supranacional a local.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *