Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Reflexionando sobre o transporte na Mariña


Hai un par de días tomei o tren de s. Cibrao a Ribadeo. Puntualidade (de 13:10 a 13:53 sen moita variación), duración equiparable á viaxe en turismo, comodidade, revisor e garda de seguridade no tren, posibilidade de levar a bicicleta, importe (3,60 €) non excesivo en relación a outros custes… algo que non se parecía moito a algunha outra vez que fixen algún traxecto pola Mariña. A ocupación do tren, a mediodía, non era alta: de media no traxecto, fomos no tren unhas 8 persoas.

Noutro lugar teño comentado a mellora do transporte en autobús na franxa costeira da Mariña, e a diferencia grande co que ocorre ó querer tomar un transporte público cara ó interior da Mariña ou a outro punto de Galicia ou de España.

Un par de semanas de aparcamento de coche nun aeroporto poden supoñer máis custe que unha viaxe en avión a centroeuropa, ou un valor semellante ó custe agregado (combustible, gasto de coche, impostos, etc) da ida e volta en coche ó aeroporto de Santiago, o que parece desproporcionado. Se comparamos por outra parte o custe dunha viaxe en autobús a Lugo (nunha das poucas liñas que hai cando hai algunha), 8,80 € (ou 11 €, segundo a liña), é dicir, de cousa de 0,10 €/km, sae algo máis caro, pero semellante ó transporte en tren dende S. Cibrao ou Viveiro (ver imaxe, cun tique dende Viveiro, a un custe de 4,70 €, 60 km de vía). Mais na mesma imaxe sobremontei outro custe: Porto (Portugal) – Santiago, uns 230 km, por menos de 7 €. É dicir, cousa de 0,03 €/km. É certo que é un billete de prezo variable, que pode saír a un custe por km semellante ós que estamos ‘afeitos’ no transporte público da zona. Pero non deixa de ser curiosa a variación, as oportunidades, comodidade de horarios…

O desenvolvemento de xeito asimétrico do transporte nas concentracións urbanas en relación ó medio rural, que é o noso, é cada vez máis preocupante. Novas oportunidades de transporte de todo tipo xurden como fungos nas cidades, mesmo antes de que dea tempo á súa regulación. No noso entorno, hai medio século había máis posibilidades de transporte público que na actualidade. E a tendencia, con excepcións puntuais, non é mellorar: nin en horarios, nin en tempos, nin en custe. As nosas xentes na aldeaestán moitas veces incomunicados na práctica, dependentes de familiares ou outros particulares para o seu movemento. E só xurde de cando en vez algunha voz por algo en particular. así, seguiremos a perde mentres non nos organicemos, pidamos con forza e aportemos o noso gran á organización comunal.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *