Xa hai tempo que se superou o ano das protestas polas pensións, tamén en Ribadeo, onde, aínda con altibaixos estacionais, a protesta non está no seu peor momento. E iso veume á cabeza ó ler unha nova no El Economista en internet (“Los jubilados reciben de media 1,36 euros de pensión por cada euro cotizado”). Cando lin o título, decidín ler o interior da nova a ver se me aclaraba máis. Detalles aparte (e tamén propaganda para meter as pensións privadas ata como obrigatorias), a nova cita un estudo do BBVA segundo o que, ós 12 anos de xubilado, xa se tería gastado a pensión de 40 anos de cotización (é dicir, por exemplo contando que estás traballando de xeito ininterrompido dende os 25 ós 65). Polo tanto, en números redondos, terás gastado todo o acumulado ós 77, co que, coa esperanza de vida case nos 82 anos, sae un gasto de case un 42 % máis. Se te xubilas ós 67, coa mesma data de falecemento, entón a cousa baixa por baixo dun 25 % ‘extra’.
Non sei como fixeron eses cálculos no servizo do BBVA no que logo recomendan un sistema de pensións privadas obrigadas, pero non me saen as contas. Explícome: considerando que na miña vida laboral houbo momentos nos que os intereses andaban por riba do 6 %, se lle aplico ese interese á primeira retención debida á seguridade social, sae un valor ó cabo de 40 anos de máis de dez veces o inicial, co que case só cos réditos estaría saíndo a pensión actual… se non nos poñemos avariciosos e só consideramos a inflacción (e lembremos que a inflacción también é manipulable para que sexa favorable), remato de facer as contas cos datos de inflation.eu, e sáeme un valor superior ás seis veces o inicial. Considerando que o meu soldo se revalorizou unhas cinco veces, lévome a sorpresa de que durante a miña vida laboral o índice dime que perdín poder adquisitivo en troques de ir ganándoo (cousas dos anos da crise, coido). Pero como non íamos a iso, senón a botar contas sobre as pensións, para esgotar en 12 anos a paga gardada dos 40, resulta que me terían que reintegra unha cotización mensual de 3,3 veces a que me retiraban (en total, contando o retidado dende a empresa, que non aparece en nómina)
De calquera xeito, a cousa non está aí, senón que coido que está noutro lugar: en que dende o nacemento do sistema de pensións en España, o que se paga ós pensionistas ven saíndo das cotizacións dos traballadores en activo no momento. De aí que ‘cando convén’ as contas que se fan inclúen o número de traballadores en activo en relación ó numero de xubilados. E claro, se hai paro e soldos de merda, non hai forma de manter as pensións, nin tampouco os mesmos traballadores, que necesitan o apoio da caridade. Por contra, nos tempos de bonanza, fíxose unha caixa de resistencia que se rematou empregando para outras cousas. Un esquema visto máis dunha vez cando xente con certas ideas econḿicas chega ó goberno.
Teño esperanza de vivir aínda moitos anos e sei que un ‘pequeno complemento’ como pode ser a reintegración do roubado por corrupción, ou os 80 000 000 000 euros difuminados en axudas ós bancos (coido que eran máis, pero deixémolo así, as cifras bailan) poden axudar á caixa das pensións. Se poñemos 10 000 000 de pensionistas (non chega ben, pero vai en aumento) incluídas viúvas, orfos, incapacidades, etc, saen a 8000 € máis por cabeza só por este último motivo.
Ou sexa, abonda de botar contas. Non se trata de que ‘os pensionistas vivan mellor que os traballadores’, senón de que todos vivamos dignamente. E hai cartos. O que hai é que non ser mangantes, é dicir, non mangalos, senón xestionalos…