Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Do tempo en tempos do coronavirus


   ‘Nestes tempos’ que vivimos, a percepción do tempo varía moito dunha a outra persoa. Pero o tempo, ‘existe’. Lembrei e reatopei un artigo do 2008 (hai varias versións de traducións circulando pola rede) para revisitar e comentar unha idea relacionada.

   Basicamente, o fondo do artigo tenta visualizar que pasaría se aproveitamos o tempo perdido dando tumbos (daquela, sobre todo na tele, agora, máis ben nas ‘redes sociais’) para obter un superavit temporal que permita crear un superavit social, poñendo como exemplo un caso de superavit cognitivo. Idea complexa? Non. Daquela -2008- calculábanse nuns 100 millóns de horas de pensamento humano o adicado xa á Wikipedia. Por semellanza en relación ó número de edicións, hoxe poidéranse pasar tranquilamente os dez mil millóns de horas. Pero é que xa hai máis de trinta anos calculaba eu para España que os máis pequenos pasaban ben das 700 horas anuais de televisión, polo que xeralizando hoxe, só en España, adícase ás pantallas ‘a fondo perdido’ abondo máis das 10 000 000 000 horas que levaría construír unha wikipedia como a actual, nas diferentes versións lingüísticas e tendo en conta para facernos unha idea mellor que a Wikipedia en inglés ten algo así como 40 veces o número de artigos da galega. 

   Podemos ter dificultades en sacar tempo para cousas como a construción da Galipedia, pero evidentemente, temos ‘pozos sen fondo’ de tempo que poderiamos drenar para un mellor equilibrio persoal. De aí pode sacarse tempo. Como exemplo, o ‘tempo de televisión’, que enmascara un tempo que representa (ou pode representar) un superavit de coñecementos e formación aproveitables para realización persoal e/ou social. Un tempo que, ‘en tempos de coronavirus’ é máis necesario xestionar mellor para minimizar o impacto mental da pandemia.

   O tempo que a xente usa para ver a televisión é un tempo rexeitado para outras cousas, redirixible se asumimos que é máis ventaxoso para nós -por gusto, disfrute ou o que sexa- usalo cara outra cousa. E nesas estamos: en saber cara onde poderiamos tirar para que o tempo estivera encadrado nun lugar que consideraramos mellor para nós que a pantalla. Algo complexo, pois abrirse novos camiños sempre o é e hai que andar procurando polo método de tentativa e erro. Pero ó final, paga a pena. É revolucionario.

   Así, pois, planteáchete xa que facer con ese tempo substitutorio do ‘abúrrome’? Se o tes, claro!, que non sempre ocorre. Mira como opción nunha colaboración con outra xente, construíndo sociedade. É abondo máis proveitoso e gratificante que invertilo en propagar presuntas novas sen xeito. E non dana nin a ti nin á sociedade, senón todo o contrario.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *