Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

UNHA ESPECIE EN PERIGO DE EXTINCIÓN. Jorge Sampedro Reimúndez


   De toda a vida de deus os caciques gobernaran en Galicia ata que nas eleccións do ano 2005 apareceu, non se sabe moi ben como, Emilio Pérez Touriño. Contan os que se movían pola súa contorna que era un home de esquerdas, extremo este que nunca chegou a confirmarse talvez porque o seu paso pola Xunta asemellouse a eses “pedos silenciosos” que ás veces se deixan fluír sen que ninguén se decate. Concretamente os veciños de Ribadeo, que naquelas datas contaban con Alcalde socialista, non souberan nada del ata que unha vez apareceu na Ponte dos Santos e declarou solemnemente que quedara moi bonito por encima da “Ría do Eo”. Era a hostia fidelizando votantes! Despois, nas eleccións do ano 2009, a desencantada esquerda galega castigou a Touriño e ao seu fiel escudeiro Quintana e retornaron os que non se tiñan que marchar nunca: os caciques e á fronte de todos eles o virxinal Feijoo. Hoxe, once anos despois do seu advenemento, virus mediante, convócanos para que o próximo día 12 de xullo volvamos exercer o noso democrático dereito ao voto.

   Segundo as enquisas que aparecen estes días nos diarios dixitais todo apunta a que, por cuarta vez, o noso progresista pobo galego, volverá decantarse por reelixir a este agudo funcionario público que leva sufragando, como bo tinterillo que é, toda a súa vida laboral a conta dos nosos impostos.

   Empezou a vivir dos contribuíntes no ano 85, con só vinte e catro anos, como funcionario do Corpo Superior da Administración Xeral da Xunta de Galicia, e xa non parou… Consellería de Agricultura, secretario xeral da Consellería de Sanidade, secretario xeral de Asistencia Sanitaria, presidente do Insalud, presidente da Sociedade Estatal de Correos, etc, etc, soldos que compartía cos ingresos que obtiña por asistir aos diversos consellos de administración de empresas públicas nos que tamén participaba: Empresa Nacional de Autopistas, Paradores de Turismo de España, Fábrica Nacional de Moneda y Timbre, etc, etc. En xullo do 91, da man do cacique betanceiro Romay Beccaría, entra en política e compaxina os seus soldos públicos cos devengados pola súa condición de: Membro do Comité de Dirección do PP de Ourense, do Comité provincial, do Comité de Dirección de Pontevedra, do Comité Provincial de Pontevedra, do Comité Ejecutivo Nacional, ata que o 15 de xaneiro do 2006 elíxeno presidente do Partido Popular de Galicia e até o de hoxe.

   Cabería de esperar que todo ese tempo transitando polo público treríalle aportado unha valiosa experiencia… pero que va, chegou como recentemente expulsado do útero materno: virxinal. Non aprendera nada, non se decatou de nada e por iso non podía achegar absolutamente nada. Fíxose cargo do partido e seguiu coas mesmas corruptelas que aniñaban nas súas entrañas, cos mesmos caciques territoriais, coas mesmas mafiosas amizades e cando apareceron as fotografías obtidas nas vacacións anuais que gozaba co seu entrañable e narcotraficante amigo Marcial Dourado en Canarias, Eivissa, Picos de Europa ou Portugal, o virxinal mancebo díxonos, pobre del, que non era o que parecía, que o enganaron, que fora un inxenuo! (díxolle a Évole), que non vira as primeiras páxinas da prensa, nas que se denunciaba que o seu caro amigo xa fora detido na operación Nécora vinculado ao tráfico de drogas e ao lavado de diñeiro. Que sabía el de diñeiro negro? Que sabía el de caixa B? Que sabía el do delincuente Crespo? Que sabía el da Gürtel? Que sabía el da corrupción que arrasaba toda a cúpula nacional do seu partido? Se Fraga, ao que lle cabía o estado na cabeza, non se decatou de nada, que cona ía saber el, a fin de contas un pobre tinterillo metido a político.

   Hoxe sabemos que o goberno de Feijoo en Galicia e o da súa correlixionaria Ayuso en Madrid estableceron protocolos nos que se excluía do traslado aos hospitais aos anciáns con dependencia severa. Dos 619 falecidos en Galicia por Covid, 272 vivían en residencias, deles 132 morreron nas súas habitacións negándoselles a oportunidade de ser atendidos nun hospital e non (aínda que tampouco o xustificaría) por terse producido un colapso hospitalario ou por falta de medios (pois o ínclito raparigo presumiu de doar respiradores á sanidade madrileña), simplemente non se trasladaron porque así se establecía no protocolo que o goberno do Sr. Feijoo fixo chegar ás residencias. Só enviaban ao hospital aos que tiñan algún seguro privado. Na residencia de Aldán crese, ninguén comunica a cifra exacta, que morreron por Covid 31 persoas, 20 delas na propia residencia. Unha, sen patoloxías previas (que se atopaba alí para recuperarse dunha caída), era a nai dun bo amigo. Son numerosas as demandas dos familiares esixindo responsabilidades. Do desastre nas residencias de Madrid mellor non falar. Os dous gobernos autonómicos, coas competencias delegadas, din non ter ningunha responsabilidade. Coméntase que a culpa de todo é dun tal señor Iglesias. Din que é venezolano… ou algo así.

   Mentres os empregados de Alcoa (cuxo impacto económico representa o 30% da riqueza da provincia de Lugo) déixanse a vida loitando pola continuidade dos seus postos de traballo, este personaxe non fai nada nin di nada respecto diso nos seus mitins de campaña, pero iso si, emulando ao seu narcotraficante amigo, anuncia de viva voz cheques de 250 euros para subornar a sanitarios e hostaleiros. Non ten vergoña.

   Poderían facerse comparativas dos cocientes obtidos durante os case 12 anos de consecutivo mandato do goberno de Feijoo á fronte da Xunta e os do resto do Estado: corrupción, produto interior bruto, renda per cápita, desemprego, desigualdade de xénero etc., e moitos deles terían, en función da ideoloxía do lector, variadas explicacións; por iso referireime soamente a un moi concreto e que non ten máis nada que unha soa lectura: “a poboación”

   Segundo o informe anual de datosmacro.com: en España entre finais do 2009 e finais do 2019 incrementouse a poboación en 843 360 habitantes. En Galicia, no mesmo período de tempo (coincidente coa estancia de Feijoo á fronte da Xunta), reduciuse a poboación en 71 825 galegos Coma se desaparecerían todos os habitantes da Mariña lucense!

   Galicia está entre as rexións do mundo coa taxa de natalidade máis baixa. No 2009, cando Feijoo chegou ao poder, naceron en Galicia 22 537 nenos. Ano tras ano foron baixando os nacementos até chegar aos 15 601 que viñeron ao mundo no ano 2019, marcando a taxa de natalidade máis baixa desde que existen rexistros.

   Por casualidade, durante o curto mandato de Touruño, Galicia aumentou a súa poboación en 42 257 persoas. O ano en que Touriño chegou á Xunta naceron  21 097 nenos, e o ano no que se marchou, 23 175. Estes datos confirman que “con gobernos progresistas frúnxese máis”.

   Moralexa: Que non nos pase como pobo, con Feijoo, o que lles pasou aos urogalos con Fraga, que se cargou ao último e mandouno disecar (atópase en Piornedo cunha praca que reza “último urogallo de Galicia abatido por Fraga“). Así que: non des a esquecemento da inxuria ou rudo encono; esperta do teu sono Fogar de Breogán.

Jorge Sampedro Reimúndez


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *