Ribadeo e S. Martiño de Mondoñedo (Foz), comparten a peculiaridade de que foron, por un tempo, sé da diócese mindoniense.
En tempos do rei Fernando (fundador da vila de Ribadeo) e do bispo mindoniense Rabinato, ano 1182, a sé pasa a Ribadeo, pero tan só uns cantos anos, parte dos pontificados de Rabinato (1174-1199) e de Pelaio II de Cebeira (1199-1218). Co bispo don Martín, gran impulsor da construción da catedral mindoniense, a capitalidade do bispado volve definitivamente a Mondoñedo.
Segundo a tradición o bispo Pelaio vivíu en Cabanela, onde aínda existe un edificio en ruínas que o pobo sinala como o antigo pazo episcopal. Os seus restos recibiron sepultura na igrexa de Ribadeo. O P. Flórez (1764) encontrou unha mención ao seu enterramento nun calendario: “Iacet in Ripa Euve” e atribúelle un sepulcro que el mesmo veu na colexiata de Ribadeo.
“Cara atrás do coro, enfronte da porta principal, nembargantes de non ter letreiro, pois gravada unha cruz e báculo na pedra que serve de cuberta, denota ser do bispo. O sepulcro é de cantería bruta sobre catro pedestais da mesma materia, elevado tres cuartas da terra”.
Segundo o P. Flórez, na sacristía da mesma igrexa había “un báculo de cobre con varios esmaltes e dúas sandalias, algo maiores que as regulares dos bispos, que sen dúbida pertencían ao Pontificial deste Prelado”.
O báculo (Obradoiro Lemosín) é de cobre, esmaltado e ornado con turquesas, con forma de canón circular rematado nunha esfera achatada que soporta a empuñadura en forma de voluta. A superficie do canón está cuberta con esmalte en cor azul e aplícanselle unhas figuras de lagartos estilizados, coa cola curvada formando unha voluta. O nó interrumpido no seu medio por un bocelete, mostra ornamentación zoomorfa composta por unha serie de lagartos que entrelazan as colas. Unha especie de coroa rodea o nacemento da empuñadura que toma forma de voluta e termina en cabeza de serpe. No seu interior desenrólase a escena da loita do arcanxo S. Miguel contra o dragón, figuras ambas douradas e esmaltadas. S. Miguel vestido con longa túnica de minucioso pregado e de grandes ás cinteadas de azul, adopta unha actitude severa ao crava-la lanza que empuña no lombo do dragón, que aparece aos seus pés. O dragón presenta grandes ás esmaltadas en roxo e azul e longa cola que se estende case ata o arrinque da empuñadura, debuxando unha nova voluta.
Iconográficamente, presenta a clara mensaxe de Deus vencedor do mal a través do arcanxo que dá morte ao dragón (coa serpe, dobre representación apocalíptica do demo). Temática e simboloxía propias do estilo románico próximo ao tránsito oxival no que se encadra esta peza. O seu estado de conservación é bo.
O báculo do bispo Pelaio conservouse no Arquivo da catedral de Mondoñedo ata 1913. Neste ano o cabido vendeuno ao coleccionista catalán Luis Plandiura para pagar unhas débedas que contraíra con motivo das obras que se iniciaran na catedral entre 1910-1912. O Museo de Arte de Cataluña adquiríu a colección de Plandiura en 1932. Entre as pezas ingresadas no Museo figuraba o báculo do bispo Pelaio. Esta peza, saída do obradoiro de Limoges, foi valorada nos últimos anos e figura nos catálogos dalgunhas exposicións adicadas aos esmaltes do obradoiro de Limoges: De Limoges a Silos e a arte gallega no seu contexto xeral. Galicia no tempo.
O calzado é de correal de cabra, dourado, prateado e pintado cunha única costura e sola de piñeiro forrada de becerro. Trátase dun exemplar singular feito dunha soa peza e única costura, que se axusta ao tipo de “zocos”.
O calzado permanece custodiado no Arquivo da catedral de Mondoñedo.
BIBLIOGRAFÍA:
VILLAAMIL Y CASTRO, J. , MANSO PORTO,C., Galicia no tempo.