Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Emilio


   Sorprendeume outro amigo esta mañá cunha mensaxe sinxela: morreu Emilio. Non fixo falta que enunciara o nome completo, Emilio Piñeiroa Lozano, nin un cualificativo usado ás veces con outra xente, ‘o de historia’. Sabíamos que sufrira no outono e dende o outono agora. Mais, tamén críamos que ía superando unha serie de tropezos na súa recuperación. Ó final, houbo algún co que que non deu feito e marchou. 

   Xubilado non hai tantos anos, os seus 68 eran xoviais, tal como representaba a súa vida ós nosos ollos. Pacífica vida de familia e adicación ó mundo da historia próxima, da nosa historia por terras de Barreiros e Ribadeo. Unha historia que contribuiu a facer máis próxima e máis nosa. Todos os que o coñecimos lembramos a súa intervención en favor e difusión do conxunto da capela da Virxen das Virtudes da Ponte de Arante, entre outras de menos difusión, dende o círculo lítico da Roda á capelas do camiño de Santiago na zona, pasando polas pegadas á beira do río Grande nas Anzas ou os muíños de vento de Ribadeo. Pero máis lembramos a súa charla -ás veces imparable- sorrinte e vital, arrastrando non, senón levando da man e animado ó interlocutor polos camiños da historia ou outros que viñeran ó caso. Con mente aberta e elevándose ó vóo dun xeito que tamén levaba ós máis a elevarse e observar a amplitude contemplada a través da súa ampla visión.

   Como non fun alumno seu, deixo esta faceta para o final. Non porque sexa menos importante -mentres estivo en activo como mestre máis ben era a que destacaba- senón porque foi a que quizáis prolongue máis adiante a súa vida no devir dos demáis. Desas persoas que aprenderon a querelo ó tempo que aprendían co seu querer. 

   Un amigo bó e xeneroso que se foi.

  


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *