Artigo publicado na Comarca del Eo de 30 de abril de 2022. A segunda foto que acompaña ten un texto sobre o que trata o artigo. A primeira, a vella placa, é citada no mesmo. Este artigo é continuación de outro de Carlos Álvarez Lebredo
OUTRO NOME CONTROVERTIDO:
PRAZA DE FEDERICO OU DE VICENTE ÁLVAREZ MIRANDA?
Carlos Álvarez Lebredo
A semana pasada fixemos
algunhas observacións nestas mesmas páxinas de ‘La Comarca del
Eo’ sobre algúns dos rótulos informativos que acompañan os nomes
de rúas e prazas nas artísticas placas de azulexos de Sargadelos
que van festoneando o rueiro de Ribadeo. En varias delas só
recolliamos algunhas dúbidas e preguntas que nos tiñan chegado ao
respecto, desde hai anos, dos textos dalgunhas delas. Quen tivese a
paciencia de ler aquel texto vería que as nosas propostas estaban
baseadas exclusivamente na filoloxía, no rigor lingüístico e no
desexo de que a información se ofreza coa maior claridade posible.
Para esta ocasión traemos
unha cuestión semellante pero algo máis enrevesada. Está claro que
hai outra placa manifestamente errada pero tampouco somos quen de
esclarecer absolutamente todos os puntos que rodean o asunto. Trátase
da placa, recentemente colocada, que sobre seis azulexos de
Sargadelos pon “Praciña de Álvarez Miranda” e que na parte
informativa engade: “Vicente Álvarez Miranda. Escritor. Político.
Militar (Cruz Laureado de San Fernando)”. Nada hai que obxectar a
esta lacónica aclaración que en só oito palabras perfila moi ben o
citado personaxe. O problema é que esa praciña leva algo máis de
setenta e cinco anos dedicada ao seu irmán Federico. Na parte alta
da praciña aínda se conserva a placa primitiva, colocada en 1946. É
un sinxelo mármore branco, con letras maiúsculas gravadas en
baixorrelevo e adherido á fachada traseira da casa dos Díaz-Fierros.
Literalmente pon: “Plazuela de F. Álvarez Miranda”. Ou sexa, que
o personaxe epónimo da praza non é Vicente (como se explica na
moderna placa de Sargadelos) senón o seu irmán Federico, a quen
corresponde esa letra F.
Esta cuestión non admite
dúbida. En 1946 o concello de Ribadeo quixo homenaxear a cinco
distinguidas persoas da localidade poñendo o seu nome a varias rúas
da vila: o Bispo Veres, J. Vicente Pérez Martínez, Pasarón y
Lastra, Acevedo Rodríguez e Federico Álvarez Miranda. O acordo
municipal é de 12 de xuño de 1946 e está recollido en portada
polos dous semanarios ribadensese os días 15 e 16 dese mes. Inclúe
unha pequena xustificación de méritos para cada un deles. Do
último, Federico Álvarez Miranda, sublíñase que é un poeta
lírico, de inspiración fina e delicada, autor de belas
composicións, entre as que destaca “A una rosa”. Os dous
semanarios locais fixéronse eco do citado acordo municipal e
posteriormente dos actos de homenaxe e descubrimento das respectivas
placas, que tiveron lugar o día 29 de xullo. No caso concreto de
Federico Álvarez Miranda foi Dionisio Gamallo o encargado de eloxiar
‘in situ’ o escritor, ler un dos seus poemas e descubrir a placa.
Vicente Álvarez Miranda
puido ter méritos para que unha rúa ribadense levase o seu nome. E
incluso é probable que a tivese antes do seu irmán, pero non esa
praciña: isto é só unha conxectura miña, que se podería resolver
con paciencia, acudindo ao arquivo municipal ou revisando actas
municipais anteriores ao verán de 1946. Insto a que os historiadores
lle dediquen tempo. Para establecer esta conxectura baséome só na
miña interpretación (subxectiva, arriscada) dunha nota de Dionisio
Gamallo publicada xusto un mes antes do citado acordo municipal de
darlle a Federico Á. Miranda o nome da praciña. En ‘La Comarca’
do día 12 de maio publicou Gamallo unha semblanza do seu irmán
Vicente Álvarez Miranda. Entre outras cousas afirma que aos
ribadenses tenlles que soar este nome “como consecuencia de
existir, dentro del casco urbano de la villa, un callejón (por
fortuna blanco y limpio) rotulado de este modo hábil y prometedor:
‘Travesía de Álvarez Miranda’”. Dá a entender, pois, Gamallo
que o “callejón” xa levaba o nome de Vicente cando no concello
lle poñen á praciña o nome de Federico. Eu non me atrevo a
conxecturar máis. Pero o que si está claro é que, aínda no caso
de que a Travesía fose de Vicente, a Praciña é inequivocamente de
Federico.
Xa no seu momento Gamallo
intentou aclarar vixentes confusións entre ambos irmáns, por
exemplo nas datas de nacemento. E é que os dous tamén faleceron
relativamente novos e ambos foron escritores. Vicente, máis
apaixonado e de carácter vehemente, era capaz de asombrosas
improvisacións métricas, á maneira dos regueifeiros tradicionais,
pero en versificación culta. Pero respecto da súa calidade poética,
o sempre fiable diagnóstico de Gamallo, incluído na citada
semblanza de Vicente en ‘La Comarca’ do 12 de maio de 1946, é
claro: refírese a “su hermano D. Federico, mil veces superior como
poeta a Vicente, y digno de la cuidadosa exhumación a que lo
someteremos”. Esta última alusión refírese, claro está, ao
previsto acordo municipal do mes seguinte de darlle a Federico o nome
da praciña.
En definitiva, non teño
claro que á altura de xuño de 1946 Vicente Álvarez Miranda xa lle
dese nome a unha calella (“callejón”) de Ribadeo. É probable. O
que si está fóra de dúbidas é que o nome do seu irmán Federico
deulle nome á praciña que se abre desde unha calella procedente de
Amando Pérez e que desemboca, en lixeira costa abaixo, na parte alta
da rúa Antonio Otero, case en fronte á Costiña Padre Sarmiento. En
calquera caso, como a praciña leva o nome de Federico, non ten
ningún sentido que na moderna placa de Sargadelos se lle atribúa o
nome da praciña a Vicente nin que se aclare nela a biografía deste.
Para rematar: Vicente Álvarez
Miranda naceu na casona de Guimarán o día 30 de maio de 1815 e
faleceu en Veracruz (México) o 5 de abril de 1858. Federico Álvarez
Miranda naceu na mesma casa o día 30 de abril de 1817 e faleceu en
Ribadeo o 29 de novembro de 1841.