Maios do 68
Vai para 60 anos. Era un pícaro. Vía as imaxes do maio francés na televisión aínda da ditadura e máis ou menos pensaba, ao modo de Astérix cos romanos: ‘están tolos estos franceses!’. O que eu vía era que estaban a desfacer o país, e non comprendía o por que.
Ó longo do tempo teño rememorado aquelas imaxes de disturbios en diversas ocasións. Por exemplo, hai vinte anos, sobrevoando como acompañante de alumnos nun intercambio con Alemaña, un París no que se observaban fumaredas en varios puntos: era unha nova revolta en Francia, a dos banlieu. Dende aquela houbo máis, como a revolta dos ‘chalecos amarelos’ (gilet jaunes), ate chegar ás actuais. Revoltas estas últimas que se propagaron por varios países europeos. En España, despois de que comezara en Francia esta última explosión e antes de que medrara e se propagara polo resto de Europa, montouse unha protesta pacífica e con outro tipo de organización, a acampada de Sol. Lembrando outro maio, este, español, o dos indignados, cun sentido diferente. Diría que só lixeiramente diferente, a pesar do que os separa. Pero iso, o gradar a diferencia en asuntos como estes, pode ser algo subxectivo.
O caso é que co tempo fun vendo de xeito diferente o maio francés e tantos outros ‘maios’ que parece van sendo máis frecuentes cada vez ó longo dun globo terráqueo que se achica en moitos sentidos, como en tempo para recorrelo, en propagación de ideas ou virus e en uniformización das xentes. Isto último, algo que fai que un ‘rider’ neoiorquino poda ter máis cousas en común cun empregado dun Burger King en Ribadeo, a milleiros de quilómetros da súa vivenda, que con alguén vivindo nun ático da Quinta Avenida de Manhattan, a un tiro de pedra do seu traballo.
Si, máis frecuentes. E, ó tempo, máis uniformes no que se pretende, aínda que por diversos motivos, a expresión da protesta poda ser moi diferente. Así, mesmo en España, pouco ten que ver a axitación de Blocus e o aproveitamento que dela está a facer Trump, Israel ou a ‘dereita/ultradereita patria’ coa acampada tranquila, colaborativa e construtiva en Sol e noutros lugares. Aínda que as peticións podan parecer semellantes, esta última ten recibido os ataques desa mesma ‘dereita/ultradereita patria’. E a primeira sobreentende as peticións aparentemente só como motivo da acción. E resulta que os acampados non se ocultan, nin tampouco o seu xeito de organizarse, mentres Blocus, cando isto escribo, segue a ser unha incógnita guiada a través de internet, cos típicos nesgos potenciados polas plataformas dixitais de empresa (Twitter, Facebook, TikTok…) e os seus intereses, que se contrapoñen a apertura, colaboración e tranquilidade de expresión doutras redes de comunidade (estilo Mastodon ou, en xeral, o chamado Fediverso).
Dun xeito ou outro, se as protestas aumentan, coido que o que hai que mirar é sobre todo o por que do malestar que as xenera, en troques de mirar en exclusiva o como acabar coa expresión de malestar que representan.
