Caca, culo, pedo, pis
De caca, culo, pedo, pis a Facebook, X, Threads, Tiktok parece ir un mundo. Nada máis lonxe da realidade. Iso si, cambiaron cousas polo medio nunha versión moderna daquelo que dicía o Gatopardo: cambiar todo para que nada cambie.
En tempos, os nenos pequenos cando querían ser transgresores podían comezar a dicir verbas ‘prohibidas’, mesmo de carreiriña, como ‘cacaculopedopis’, e sentíanse o que se diría agora ‘empoderados’. O mero feito de pronunciar verbas que lles decían eran malsoantes e que consideraban como prohibidas constituía unha transgresión que os reafirmaba. Verbas que, a máis, estaban relacionadas consigo mesmos, como partes constitutivas do seu corpo ou como produtos del. Era polo tanto a unión da transgresión á propia valoración do que eran e dos seus actos, aínda que de merda se tratara.
Hoxe, ningún deses produtos tecnolóxicos, de Facebook a X, Threads ou Tiktok (por procurar un conxunto de catro quizais máis relevantes ca outros) é producido por nós nin é ‘noso’. Máis ben somos nós dalgún xeito pertencentes ás plataformas anteditas e o noso comportamento e o noso ser está influenciado polo seu uso, aínda que de merda se trate.
Aquí, unha nota: hai xa varios anos que estou separado de calquera deses produtos citados, mais, ate o momento, coido que é unha opción minoritaria, e, se inflúen na xente ó meu arredor, tamén rematarán influíndo en min, por moito que sexa de xeito indirecto.
Continúo. Ía dicindo que ata certo punto temos unha dependencia e unha pertenza a esas plataformas, das que a estas alturas somos máis ou menos conscientes que son subprodutos dun corpo que é internet, a modo de refugallos o mesmo que a merda, o mexo ou os peidos o son do noso corpo. Cunha diferencia fundamental: o noso corpo expulsa todo o que lle sobra tras alimentarse, mentres que os produtos das plataformas serven para que elas se alimenten de nós mentres nos lanzan cada vez máis merda.
En calquera caso, actuamos como os nenos pequenos coas ‘palabrotas’: solazándonos no que dalgún xeito temos consciencia de que é merda, e que por outra banda ten un efecto de atracción sobre nós que non podemos explicar moi ben (por moito que estea estudado). Hai numerosos exemplos disto que digo. O último que chegou ás miñas mans (na realidade, ós meus ollos) é o caso de Ana Colau. A referente barcelonesa parece ser que hai cinco anos que abandonou Twitter (agora X). Dende aquela, o algoritmo está máis nesgado ‘cara á dereita’, co que para unha política que se encadra ‘na esquerda’ entras aí é algo así como pedir que a esnaquicen. Mais métese de novo en X para ter máis audiencia… Recomendaríalle (igual que a calquera, de esquerdas ou dereitas) Mastodon, ou, en último caso e como tempo de transición, Bluesky, antes de enmerdarse en plataformas con regras adaptadas para que triunfen as ideas de algúns, propietarios das plataformas que se alimentan de nós e que nos envían os refugallos.
[Nota: a imaxe é unha adaptación dunha viñeta de Mygumsarebleeding]

