Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.608 entradas
48 seguidoras

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

A Academia Xacobea en Ribadeo


Días pasados tivo lugar unha nova edición de Mar por Medio. A súa conclusión tivo como acto principal a confirmación de John Rutherford como Académico de Honra e a entrada de Manuel Valín como Académico Correspondente na Academia Xacobea. Gustaríame dispor das palabras de ambos no acto, aínda que polo momento só teño as de Manuel Valín. Aquí quedan, despois da reprodución da nota de prensa da Academia en relación ó acto:

A Academia Xacobea celebrou hoxe no Auditorio de Ribadeo a sesión solemne de ingreso de John Rutherford, como académico de honra, e de Manuel Valín Valdés, como académico correspondente. Ambos son os dous nomes máis ligados á historia das Xornadas «Mar por Medio», que Ribadeo acolle desde 1992 e que a Academia recuperou en 2022 cunha orientación netamente xacobea. O acto, co que remataron as XXI Xornadas, estivo presidido polo presidente da Academia, Marcelino Agís Villaverde. Acompañárono na mesa o director da Axencia Galega de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles Remy; o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega Pérez; o presidente de honra da Academia, Xesús Palmou Lorenzo; a secretaria da institución, Milagros Mª Otero Parga; e a académica de número Pilar Falcón Osorio. No auditorio estiveron tamén o presidente da Academia de Gastronomía do Principado de Asturias, o comisario provincial da Policía Nacional en Lugo e o alcalde de Vegadeo, entre outros asistentes. A sesión pechouse cunha actuación musical da soprano Esperanza Mara.

Unha Academia aberta e plural

Marcelino Agís repasou a historia da Academia e celebrou que a institución siga «sumando académicos desde diferentes ámbitos xeográficos». Presentou Ribadeo como «parada obrigada no Camiño Norte e, ademais, encontro de camiños, persoas e culturas». «O mar foi sempre un camiño feito de estelas no mar. Isto significa fraternidade», afirmou. O presidente subliñou que «Mar por Medio» permite «descentralizar as actividades da Academia» e avanzou a vontade de «abranguer as demais provincias de Galicia e outras cidades de España».

Xosé Manuel Merelles expresou, «en nome da Xunta e de Turismo de Galicia», o «orgullo» de dar a benvida aos novos académicos. Definiu Ribadeo como «un dos lugares que acollen máis visitantes» e «unha capital asturgalaica». Para Merelles, a herdanza do Camiño de Santiago «precisa de persoas que a estuden e a coiden», e esa é a «tarefa nobre e xenerosa» da Academia Xacobea: «converter a experiencia do Camiño en coñecemento e reunir persoas que contribúen a manter vivo o legado xacobeo», cunha «vocación aberta e plural». Os ingresos de hoxe son, dixo, un «exemplo de como o fenómeno xacobeo conecta persoas e lugares», porque «o Camiño transforma unha experiencia individual nun fenómeno colectivo».

John Rutherford, de Oxford a Ribadeo

Rutherford (Inglaterra, 1941), profesor emérito do Queen’s College da Universidade de Oxford, é un dos grandes difusores das letras españolas e galegas no mundo anglosaxón. A súa relación con Ribadeo comezou en 1959, cando pasou un mes na vila nun intercambio co mozo Tito García Méndez, que anos despois sería o seu cuñado. Autor da primeira e única tradución ao inglés de La Regenta, que lle valeu en 1984 a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes, participou en 1991 na creación do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Oxford. Desde 2013 o centro leva o seu nome. É tamén académico de honra da Real Academia Galega desde 2008, autor da novela xacobea As frechas de ouro (2004) e, xunto ao entón alcalde Eduardo Gutiérrez, impulsor das Xornadas «Mar por Medio».

No seu discurso, Rutherford agradeceu á Academia que rescatase as Xornadas, que «volveron vivir tras demasiados anos de silencio». Celebrou ademais ingresar xunto a «un moi bo e moi querido amigo», Manuel Valín, que «traballou incansablemente para que volvesen celebrarse». Con humor, declarouse «bastante máis peregrino que investigador da peregrinación». Desde 1993 fixo «cinco peregrinaxes e media, sempre a pé, cargando coa mochila e durmindo en albergues»: tres polo Camiño Francés, dúas polo Camiño Norte desde Ribadeo e unha última polo Primitivo que quedou a medias. O núcleo da intervención foi a figura de Robert Langton (1470-1524), clérigo do Queen’s College que peregrinou a Compostela arredor de 1512 e que en 1522 publicou un itinerario no que pasa por Oviedo, Luarca, Ribadeo e A Coruña antes de chegar a Santiago. Rutherford analizou o seu retrato, pintado en Venecia por un artista do círculo de Tiziano e aparecido nunha poxa londinense hai unha ducia de anos, coas cinco insignias de peregrino, entre elas a vieira xacobea. «Estes dous peregrinos xacobeos do Queen’s College de Oxford teríanse levado moi ben no Camiño de Santiago, a pesar do medio milenio que os separa», concluíu.

Manuel Valín, a forza do Camiño Norte

Manuel Valín Valdés (Lugo, 1961), licenciado en Xeografía e Historia pola USC, está vinculado a Ribadeo desde 1988, cando comezou a dar clase no IES Dionisio Gamallo Fierros. Foi xerente da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca da Mariña Central e desde 2023 dirixe o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal «Pedro Murias» de Ribadeo. Desde 1989 formou parte do equipo que empezou a promover e difundir o Camiño Norte en Galicia. Foi socio fundador da Asociación de Amigos do Camiño Norte na provincia de Lugo e da Asociación Xacobea «Casa das Letras» de Ribadeo, coordinou varios Cumios do Camiño Norte e é autor do tramo Ribadeo-Vilalba na obra colectiva La Gran Obra de los Caminos de Santiago. Como tenente de alcalde e concelleiro de Cultura de Ribadeo, colaborou estreitamente con Rutherford na organización das primeiras edicións de «Mar por Medio».

Na súa intervención, Valín expresou a súa gratitude e repasou os traballos para recuperar os Camiños do Norte desde finais dos anos oitenta, «co acompañamento de persoas que levan moitos anos traballando neste tema e fixeron camiño connosco». «Ningunha obra colectiva se remata sen o compromiso de moita xente», subliñou. Agradeceu tamén ás administracións que «se deron conta de que se sentaban as bases dun desenvolvemento acertado das terras que percorre o Camiño do Norte». «Quen nos ía dicir que o Camiño do Norte sería recoñecido como Patrimonio da Humanidade e contaría cunha rede de albergues e de servizos coma a de hoxe», afirmou.

O alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, pronunciou as palabras de peche cun recoñecemento a «dúas persoas que fixeron moito por estudar e defender o Camiño de Santiago». Agradeceu á Academia que pense en Ribadeo e que recuperase as Xornadas «Mar por Medio», e a Rutherford o seu «apoio continuado» á vila, onde é «unha das persoas máis importantes» para a súa dimensión cultural e internacional. De Valín destacou o seu papel «no aspecto pragmático» para o Camiño Norte, como «unha persoa que traballou para facelo real». «A Academia Xacobea gaña con dúas persoas que a van nutrir de sabedoría e de experiencia», concluíu.

As Xornadas foron organizadas pola Academia Xacobea coa colaboración da Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Oviedo e o Concello de Ribadeo.

SESIÓN DE INGRESO NA ACADEMIA XACOBEA COMO ACADÉMICO CORRESPONDENTE

Sr. Director de Turismo de Galicia

Sr. Alcalde de Ribadeo

Sr. Presidente da Academia Xacobea

Sr. Presidente de Honra da Academia Xacobea

Académicos, autoridades, amigos e familiares que hoxe nos acompañades

As miñas primeiras palabras deben ser para expresar un profundo sentimento de gratitude. Gratitude á Academia Xacobea pola confianza que deposita en min ao nomearme académico correspondente e, ademais, por facelo o mesmo día en que nomea académico de honra o meu admirado e benquerido John Rutherford. Desde a humildade, espero estar á altura do que merece tan alta institución.

Gratitude aos membros daquel grupo de traballo que, no ano 1989, comezamos un labor de estudo, recompilación e difusión de documentos que acreditaban a importancia do Camiño do Norte.

Baixo a tutela de José Joaquín Miláns del Bosch e Cándido Sanjurjo, piares fundamentais da Asociación Astur-Galaica de Amigos de los Caminos del Norte, demos os nosos primeiros pasos Manuel Díaz Sánchez, Roberto Rodríguez, Pablo Rodríguez, Eduardo Baamonde e máis eu. Pouco tempo despois, viu a luz a Asociación de Amigos do Camiño do Norte da Provincia de Lugo, que tivo un protagonismo fundamental na recuperación e consolidación desta ruta xacobea, que percorre a cornixa cantábrica e se interna cara ao interior de Galicia desde Ribadeo e Trabada.

Aquel traballo naceu coa convicción de que estabamos ante unha parte fundamental da nosa historia que merecía ser recuperada, estudada e transmitida ás novas xeracións. Os camiños son pegadas de vida, testemuñas do paso dos séculos e lugares de encontro entre persoas, culturas e territorios.

A partir daquel momento, contamos co acompañamento permanente de persoas que levaban moitos anos traballando no eido dos Camiños de Santiago e que nos axudaron a cometer os menores erros posibles: Pepa Sanz, Laureano García, Ángel Trabada, Juan Carlos Fernández Pulpeiro, Ricardo Polín e tantas outras per soas que fixeron camiño connosco.

A todas elas, o meu recoñecemento. Ningunha ruta se recupera en solitario e ningunha obra colectiva se constrúe sen o esforzo, a xenerosidade e a perseveranza de moitas persoas.

Gratitude tamén ás institucións —concellos, Deputación e Xunta—, porque sen elas todo o traballo realizado non tería sido tan doado nin os logros acadados tan frutíferos. Os alcaldes, os gobernos provinciais, os conselleiros e os xerentes da S. A. de Xestión do Plan Xacobeo decatáronse axiña de que, ao recuperar esta ruta de peregrinación, ademais de poñer en valor unha parte importante da historia de Galicia, sentaban as bases para un desenvolvemento axeitado, presente e futuro, das terras por onde discorre o Camiño do Norte.

Quen nos ía dicir a nós que, despois de máis de trinta anos de esforzo e dedicación desinteresada de tanta xente, o Camiño do Norte estaría recuperado, delimitado e sinalizado, e contaría cunha magnífica rede de albergues públicos e privados.

Quen nos ía dicir a nós que os Camiños do Norte serían recoñecidos coa declaración de Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no ano 2015.

E quen me ía dicir a min que hoxe, neste acto, sería proposto pola Academia Xacobea para incorporarme como académico correspondente. De seguro que todos os que comezamos xuntos esta andaina polo Camiño do Norte reúnen tantos ou máis méritos ca min para tal distinguida encomenda.

Grazas, pois, por tanto e por todo.

Asumo este ingreso como académico correspondente coa humildade de quen sabe que o Camiño de Santiago non é só unha liña no mapa, senón un tecido vivo de historia, arte, fe e humanidade. Estar aquí hoxe, entre quen dedicou boa parte da súa vida ao estudo e á difusión do fenómeno xacobeo, é tanto un motivo de profunda gratitude como unha responsabilidade que acollo co maior dos compromisos.

Os camiños e todo o que xorde ao seu arredor débense entender non só como vestixios do pasado, senón como un patrimonio dinámico baseado en tres piares fundamentais:

• A memoria histórica e documental.

• A dimensión relixiosa, cultural e humana.

• O reto da sustentabilidade e da conservación.

A Academia Xacobea desempeña un papel fundamental como gardiá e difusora deste legado. Ao incorporarme hoxe como académico correspondente, asumo o compromiso de colaborar activamente nos seus proxectos de investigación, divulgación e defensa do patrimonio cultural vencellado á figura do Apóstolo e ás súas rutas.

É o noso deber velar porque o trazado dos Camiños do Norte non perda a súa esencia hospitalaria, porque as súas pedras sigan contando historias ás xeracións futuras e porque o espírito de Ultreia et Suseia continúe resoando por todas as terras que os percorren.

Moitas grazas pola honra que me concededes e por acollerme nesta casa do saber xacobeo.

Ribadeo, 11 de outubro de 2026

Manuel Valín Valdés

Fediverse reactions
,

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *