Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.584 entradas
48 seguidoras

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Competicións chinesas


Competicións chinesas

Venme o título á cabeza con motivo do 7 de setembro. Ese día (onte) coincidiron en Ribadeo os tradicionais ‘fogos do sete’, á medianoite da transición ó día da patroa, Santa María do Campo, e da outra beira da ría, en Asturias, a véspera ó día de Asturias, que se fixo coincidir co día da Virxe de Covadonga. Si, o oito de setembro, Covadonga, a Nosa Señora do Campo, a Virxe de Guadalupe … multitude de virxes (e unha soa) coinciden de celebración ó longo dos continentes. Este ano, a máis, o día de Asturias tivo unha especie de ‘celebración delegada’ no veciño concello de Castropol, co que houbo unha demostración nocturna especial, con drons.

Para facérmonos unha idea, ‘os fogos do sete’ estoupan e colorean o entorno ribadense esa noite dende hai moitos anos. E os ‘drons do 7’ só están previstos este ano -logo, moito máis pasaxeiros-. Primeiro foron pensados para facer nas Figueiras (ou sexa, á beira da ría de Ribadeo, fronte onde estaban apostados os fogos desta beira) pero foron cambiados para a praia de Penarronda, xa fóra da ría, e postos ás 23:30, desviados das 24:00 tradicionais dos fogos do sete. Coñecendo a tracción dos fogos e o acceso a Penarronda, era de prever que a xente tentara desprazarse dun lugar a outro para ver ambas cousas, e que houbera cando menos, dificultades para o aparcamento. E así foi.
O resultado é que se puido comparar un espectáculo e outro. O tradicional de luz e ruído e o relativamente novedoso nestes lares de evolución conxunta dunha morea de drons. Comparación que se parece moito a ‘competición’ pola nosa atención, a das xentes do lugar, dadas as proximidades de escenarios e horario. E chinesa porque ó fin, a pólvora que deu lugar ós fogos é un invento que pasou da China a occidente, e os drons, se ben non foron inventados en China, si están sendo fabricados alí máis que noutro lugar calquera: se por casualidade tes ou coñeces a alguén que teña un dron, comproba que é fabricado na RPC na meirande parte dos casos. E a máis, as máis grandiosas exhibicións con drons están a darse alí: procura entre os numerosos vídeos que pululan por internet.

No caso de Penarronda, os drons deberon ser algún máis de 200, pero non milleiros como nalgunha demostración por Shenzhen ou Guanzhu, con tempos relativamente longos entre a formación unha e outra imaxe e non fluíndo como en moitos casos o fan en oriente, pero non por iso deixou de ser unha exhibición vistosa próxima ó cuarto de hora para fortalecer a identidade asturiana.
Aínda así, os fogos do sete resistiron o envite da tecnoloxía moderna e seguiron a ser vistosos e vistos, aínda que duraran pouco máis da metade do tempo que os seus competidores. Do custe non teño información para ningún dos dous casos.

Isto é, en pleno século XXI, miramos a iluminación festiva do noso ceo para ver a tecnoloxía da China de hai once séculos competindo coa tecnoloxía da China actual no entorno de Ribadeo.

Fediverse reactions

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *