Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.571 posts
45 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Uns tesóns ameazados pola ría


Imaxe do visor Sixpac sobre a ría de Ribadeo

Na ría de Ribadeo, os tesóns son esas estruturas areosas, bancos de area, que contribúen a realzar a beleza da ría ó quedar ó descuberto ou quedar mergullados e ocultos segundo o momento en que se atope o ciclo de marea. Son máis antigos que as máis antigas crónicas que falan da ría. Ó fin, é un produto seu debido á propia dinámica da auga, ó arrastre das mareas, determinado xeoloxicamente por factores como o afundimento ou levantamento do chan. Algo totalmente natural.

Dende que os humanos comezamos a configurar a Terra ó noso gusto do momento, moitas veces disfrazado de necesidade perentoria real ou creada, a ría ten sufrido moreas de cambios. Poden observarse moi ben coas modernas tecnoloxías, cunha foto de satélite, ou, de xeito máis contundente, achegándonos á beira da ría e e, coa nosa máquina de pensar, distinguindo os lugares nos que ten habido actuación humana. Así se verá que a maior ocupación de territorio comunitario no entorno é(son) o(s) porto(s) de Ribadeo, instalacións que ó longo do tempo teñen desprazado a beira mariña na que se moven as correntes en algún punto ata uns douscentos (200) m o que era auga adentro. A unha instalación séguelle outra, e outra… e a unha beira, a outra, de xeito que a ría achícase, como medio nos podemos imaxinar cando dende o miradoiro de Santa Cruz non vemos descontinuidade de casas entre Ribadeo e a beira asturiana. A cada invasión, a area segue a estar aí e segue a meterse, aínda que algo desviada cara unha beira ou a outra porque a terra botada no mar fai que as correntes se desvíen.

Unha vez apropiada a ría pola xente, chámese ría de Ribadeo ou como algúns pretenden poñerlle, ría ‘del Eo’, prima o carácter utilitarista, como se a ría fose só un recurso (e por suposto, só para algúns). E chégase a que o que se opón ó uso -o uso que se pretenda pola persoa ou grupo correspondente con intereses no tema- é unha ameaza. E así apareceu xa de hai tempo a ‘ameaza dos tesóns’. Que veñen os tesóns! Poderíase dicir concretando un medo a unha invasión, neste caso, de area. Dunha area que se acumula onde lle deixan, literalmente: que se bota a orela un pouco cara Asturias? Pois o tesón correspondente aló vai, ‘onde lle mandan’. Que poñen un obstáculo que dificulta o movemento da auga na ría? Pois a area deposítase en maior cantidade…

Dende hai tempo é típico ‘despexar’ a ría de area aquí e aló para facilitar actividades diversas, dragando. O caso é que os dragados non fan máis que incrementarse con cada nova agresión á ría, que á colmatación natural vai sumando a derivada das accións humanas, o que ‘aumenta a ameaza’ dos tesóns. Tesóns que si, vense sometidos a unha dobre ameaza pola (actuación humana sobre a) ría: por unha banda, o seu engorde e enlamado ó debilitar o arrastre da area e lama, e por outra, a súa destrución polos dragados. O que era unha marabilla natural pasa a ser un estorbo a non considerar. Ou mesmo, desprezar.

Fediverse reactions

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *