Os próximos dous fins de semana haberá movida pola paz en Ribadeo, como os anteriores. Desta, vai convocatoria conxunta porque o 16 haberá unha concentración como ven sendo habitual, pero o 23 haberá unha manifestación. Adxúntase tamén a nota de prensa correspondente a esta.

Nota de prensa
Plataforma pola Paz da Mariña de Lugo e o Occidente Astur
O vindeiro domingo 23 de agosto, en Ribadeo, a Plataforma pola Paz da Mariña de Lugo e o Occidente Astur ten convocada unha manifestación pola Paz. Partirá diante do Concello ás 12:30 h, percorrerá as rúas peonís do centro da vila e rematará de novo diante da casa do Concello ribadense, onde se lerá un manifesto. O cartel deseñado inclúe un plano do recorrido.
Cada bomba destrúe máis vidas. Cada silencio fainos máis cómplices. É hora de saír á rúa para esixir o fin da violencia, o respecto aos dereitos humanos e a liberdade para o pobo palestino. A túa presenza é a voz de quen non pode falar hoxe.
Non á guerra. Non ao silencio. Non á indiferenza.

