O pasado domingo 19 de xullo, unha vez máis, concentrámonos nas escaleiras do concello algo máis de trinta persoas para pedir, falar e tentar construír a paz. Como é habitual, houbo diversas intervencións, e, como tamén xa está a ser habitual, a poucos metros estaba preparada unha actuación. Isto último, algo que polo número de veces que ocorre cabe pensar se non se trata menos de descoordinación (e ninguneo dunha xuntanza que leva tres anos celebrándose) que de contraprogramación institucional.
Por esta vez, dado que os músicos tiñan un certo perfil, rematou un deles, a petición de Jesús Irigoyen, tocando o Grândola coa gaita (vídeo de Suso Fernández ó final), co que non houbo altofalantes nun emotivo fin de acto.
Jesús Irigoyen preguntouse canta xente estaría disposta a que España perdera o partido da final do mundial (que esa noite rematou a gañar) trocándoo por unha morte menos en Palestina.
Houbo tamén unha lembranza de 1991, guerra de Iraq, cando Evaristo volveu ler o texto que deixo en baixo, convocado mediante a folla tamén escrita a man que acompaña:

Amigos, amigas, vouvos dicir catro palabras en nome do Colectivo Espreita.
Puidera parecer que xa esta todo dito sobre esta guerra, pero a manipulación informativa está chegando a tal extremo que aínda nos deron pé a dicir algo máis. Na nota que deu o Colectivo Espreita á prensa e que só foi publicada integramente pola Comarca, dicíamos que de non ser polos grandes pozos de petróleo do subsolo kuwaití o conflito Iraq – Kuwait non pasaría dunha sinxela nota nas páxinas interiores dos periódicos e nen tan sequera sairía nos informativos televisivos. Pero están en xogo os intereses internacionais do petróleo e automaticamente o asunto convértese nun problema de respeito ao dereito internacional. Eis outro aspecto da manipulación á que estamos sometidos, eis outra proba de que o suposto dereito internacional non é senón a tapuxa que intenta acoubillar os intereses máis mesquiños e egoístas das grandes multinacionais.
Agora tamén o que nos faltaba por ver, os gobernos de occidente vólvense ecoloxistas, o televexo bombardea a opinión pública con imaxes de petróleo derramado e aínda teñen o cinismo de mandar equipos especiais para combater o desastre ecolóxico. Como se non tiveramos memoria, como se non soubésemos quen arrasou con napalm as selvas do Mekong , que foron as bombas atómicas en Hirosima e Nagasaki, que intereses están detrás da contaminación mundial das augas e dos espazos, como se non soubésemos a última hora que nunca se descubrira quen tirou toneladas de petróleo na zona de guerra. Unha vez máis, non temos por que saír en defensa de Saddam Hussein, pero aínda menos temos por que crer as cínicas trolas occidentais.
E falando de medios de comunicación é preciso salientar que desde que Felipe González identificou os pacifistas con terroristas estase producindo un peche progresivo dos medios de comunicación para os movementos pacifistas no estado español. E mesmo a convocatoria desta manifestación foi censurada por medios de comunicación que antes parecían máis abertos, e a mesma experiencia están tendo os amigos do Occidente de Asturias. E é preciso denuncialo porque según vaia avanzando a guerra a manipulación informativa será progresivamente máis abafante e a única posibilidade que temos de combater esta nova forma de represión e marxinación é convocar manifestacións como esta, que todos desexaríamos que fosen masivas, que fosen multitudinarias, pero que se non o poden ser polo momento, é preciso convocar igualmente para expoñer a nosa protesta, a nosa esixencia de paz, porque é preciso convencer de que formamos parte dun movemento de protesta e de loita pola paz e a liberdade a nivel mundial, e non podemos esperar a vir moitos, temos que saír á rúa os que sexamos, calquera cousa menos estar calados, e deixando as mans ceibes ao imperialismo mundial para que fagan de nós o que queiran.
Compañeiros, pola paz mundial, pola liberdade dos pobos, non á guerra do golfo.
