Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.545 posts
42 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

1,6 %


1,6 %

Comezas a falar de números, e, a non ser que te refiras a cartos en cantidades manexables (é dicir, non referíndote a cousas como fortunas dos multibillonarios ou a número de horas perdidas nas redes atrapatempo, ditas ‘sociais’) é moi doado perder o sentido do que significan eses números. Exemplos sobran, e podes facer que te veñan á cabeza unha morea deles en pouco tempo: faste unha idea dos litros de sangue que poden pasar por unha aorta ó longo da vida dunha anciá? Ou dos quilos de CO2 que leva botado á atmosfera o teu coche de gasolina ou gasóleo?

Algo así coido que pasa cos números que lin hai non moito nunha noticia: o ano pasado -2025- ‘ingresaron’ en Galicia 44 000 inmigrantes. O número así, non indica demasiado, mais podemos poñelo doutro xeito: ven a ser equivalente ó 1,6 % da poboación de Galicia, é dicir, viu unha persoa de fóra por cada sesenta e algo que xa estabamos. Unha Galicia na que xa se contan para estatísticas de xente que vive aquí os inmigrantes anteriores. Iso ven a significar unhas cantas cousas de xeito directo, como as expostas, e implicar algunha mais. Por exemplo, que o ano pasado viñeron un 50 % mais de inmigrantes que nacementos houbo en Galicia (contando os nacementos de pais inmigrantes, esa cantidade pódese arredondar a 30 000). Mirado polo lado da ‘economía’, séguese a necesitar man de obra, mentres o fluxo de galegos que emigran segue a existir, aínda que en proporcións abondo menores que noutras épocas: non veñen a quitar emprego, senón a ocupar prazas libres.

Facendo máis contas, se se mantivera ese ritmo, en cousa de 30 anos a poboación de Galicia estaría constituída por un 50 % de inmigrantes de primeira xeración, a máis da porcentaxe correspondente de segunda xeración ou máis antigos. Unha ‘grande substitución’, que dirían aqueles que procuran que as galegas paran máis para ter máis man de obra e raza menos mesturada. Por aí poderiamos seguir, sen ter en conta que a humanidade é unha única raza e que pasan cousas como nós tamén somos resultado dunha substitución anterior: en Galicia temos máis xenes “africanos” -é dicir, dos que soen abundar en xente que vive en África- que “norteeuropeos” -ou sexa, xenes que abundan na xente que habita na actualidade nos países nórdicos-. E é que nós, ‘galegos fetén’ somos dalgún xeito iso, o resultado dunha ‘grande substitución’ doutras épocas. Por certo, substitución parece que realizada de xeito ben menos pacífico que na actualidade. Si, mesmo os mitificados celtas foron ‘invasores’, non ‘inmigrantes’, que non parecen ter deixado vivos que reclamaran a terra invadida, aínda que aí están os xenes como testemuña da mestura ó longo da historia.

Invasión ou non, inmigración ou non, e xa postos na actualidade, regularización ou non, os xenes non teñen patria, e chega lembrar que o 98 % dos nosos son compartidos con calquera primate para que se nos veña á cabeza aquelo de ‘somos o 99,9 %’ da poboación que vivimos baixo o xugo do 0,1 % que ten as riquezas e manexa o mundo.

Unha cousa máis: polas porcentaxes citadas arriba, poucos dos que ‘manexan o mundo’ van acceder a este texto, aínda que alguén dos que o lea poida pensar que está nese 0,1 % …

Fediverse reactions
,

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *