Hoxe chegaron a min por condutos diferentes dúas novas en relación ó dique que se pretende facer nas Figueiras; mellor, na ría, á beira de As Figueiras. A primeira, a acusación que se fai dende a Plataforma pola Defensa da Ría de Ribadeo ó concello de Ribadeo, de silencio cómplice da pretendida obra. A segunda, un vídeo grvado na outra beira da ría, nas Figueiras, onde se da unha visión do tema do dique dende BioEo. En ambos casos, a confluencia é a mesma: a defensa dunha ría que é de todos fronte a un desafío máis a unha xoia natural que despois de ser estragada principalmente na beira galega, pasa a ser estragada na beira asturiana. Algo que a todos compete, porque a auga e a ría non sabe de administracións de acó ou de aló. E cabe insistir no de que compete a todos, non á xente das Figueiras, ou ó seu clube Náutico, ou ó concello de Castropol, ou a Asturais; non, a todos, incluídos Ribadeo ou a Veiga.
Deixo a continuación ambos documentos, o primeiro a partir de crónica3 e o segundo, de youtube.:
A Plataforma pola Defensa da Ría acusa ao alcalde de Ribadeo de “silencio cómplice” ante o dique das Figueiras
A Plataforma pola Defensa da Ría de Ribadeo denuncia o “silencio cómplice” do alcalde de Ribadeo ante o proxecto de construción dun dique na marxe asturiana da ría. O colectivo lembra que hai máis dun mes rexistrou unha solicitude formal pedindo apoio institucional ás alegacións presentadas contra a obra, sen recibir resposta por parte do rexedor.
A Plataforma lamenta que a presumida “boa relación” do alcalde coa Xunta de Galicia non se estea a traducir en accións para esixir informes sobre o dragado previsto de 64.000 m³ de lodos, unha actuación que —advirten— pode afectar gravemente á marxe galega da ría.
O documento presentado pola entidade, e que o alcalde non fixo público, detalla que o proxecto vulnera procedementos administrativos básicos e supón riscos críticos para o estuario.
Falta de control autonómico: O proxecto carece das consultas sectoriais obrigatorias á Xunta de Galicia por parte do Goberno do Principado de Asturias, malia contemplar o dragado de 29.183 m² e a extracción de 54.349 m³ de lodos. A Plataforma critica que o alcalde non utilice a súa interlocución coa Xunta para esixir unha fiscalización rigorosa do impacto na marxe galega.
Risco para o patrimonio subacuático: A construción dun dique fixo de formigón de 185,80 metros alteraría de forma irreversible as correntes da ría. As advertencias técnicas sinalan un risco de erosión que podería afectar ao Galeón de Ribadeo (século XVII), pero o colectivo acusa ao alcalde de evitar o debate para non incomodar outras administracións.
Impacto nos sectores produtivos: A modificación da dinámica dos sedimentos afectaría directamente aos bancos marisqueiros e, en consecuencia, aos postos de traballo vinculados a esta actividade, algo que —segundo a Plataforma— non parece ser unha prioridade para o goberno local.
A Plataforma reclama ao alcalde que “rompa o seu silencio de maneira inmediata”, que aclare se está a priorizar intereses políticos fronte á defensa da ría e que asuma de forma explícita as alegacións presentadas. O colectivo lembra que gobernar “non é facerse fotos presumindo de sintonía con Santiago, senón defender aos veciños e ao seu patrimonio cando unha obra destas dimensións ameaza o estuario”.
