Discurso de Francisco Díaz Fierros na homenaxe que recibiu con motivo da Feira da Ciencia de Ribadeo.
As miñas primeiras palabras son Grazas: grazas á comunidade educativa de Ribadeo e, dun xeito moi especial, ás persoas que levaron máis directamente a organización deste acto. Non podedes imaxinar o sentimento de gratitude que me invade! Vai ser algo que levarei sempre como unha inesquecible lembranza por todo o que ten de agarimo e recoñecemento.
Nacín en Vilagarcía, naquelas fermosas terras que miran cara ao mar de Arousa, pero Ribadeo vai ser sempre a miña patria. Aquí cheguei con menos dun ano e aquí funme abrindo á vida, e os meus ollos aprenderon a mirar con curiosidade e asombro todo o que de novidade me ofrecían as súas xentes e as atraentes paisaxes destas terras mariñás. ·
E aqui tamen me formei. Comezando coa aquela familiar e sinxela escola de Dona Mariana na rúa da Trinidade, onde me aprenderon as primeiras letras, e o Colexio dos Hermanos Menesianos, no que me desvelaron os secretos do úico texto que tiñamos, a Enciclopedia da Editorial Vives, coa que me preparei para entrar no ensino secundario. Este cursaríao no Colexio Santo Tomás de Aquino, centro privado que estivo situado onde está hoxe a Biblioteca Municipal e que foi o precedente do Instituto Laboral e, finalmente, deste Instituto Dionisio Gamallo Fierros. Nel tiven que enfrontarme ao reto que supón recibir un ensino diversificado en múltiples materias e, sobre todo, cun variado conxunto de profesores, cada un co seu talante e os seus métodos particulares de aprendizaxe.
Supoño que para moitos dos que me escoitades serán nomes de centros que soarán estraños, pois hai tempo que xa non existen, aínda que para os que por eles pasamos fiquen en xeral, como me ocorre a min, como unha agradecida e saudosa lembranza.
E falo destes meus recordos sobre a miña formación primaria e secundaria porque quero unilos a experiencia que estades a ter na actualidade, profesorado e alumnado, nos catro centros da comunidade educativa de Ribadeo. Xa que todas estas experiencias, a miña e as vosas, a pesar de que existen moitos anos de separación entre elas, forman parte dese mesmo caudal de interese pola transmisión dos saberes que sempre existiu nas comunidades humanas e que flúe cara a nós desde a noite dos tempos e permitiu, entre outros factores, garantir a supervivencia da nosa cultura e civilización. Unha experiencia que hoxe chamariamos Educación, que é para min unha das verbas que máis ennobrece e distingue a condición humana.
Esta educación ten a súa historia e, dentro dela, habería que facer referencia, se queremos ser xustos, a un pobo e a unha época na que dun xeito case milagroso, se produce un salto cualitativo nas formas e nos contidos desa actividade. Estariamos a falar da Grecia clásica, na que o colectivo de mestres e alumnos os consegue desenvolver unha pedagoxía e, sobre todo, un ambiente educativo, no que o “saber” e o”educar” acadaron cotas de excelencia que aínda hoxe están a resoar como exemplos envexables para o mundo actual. Naqueles afastados tempos, van agora máis de dous mil cincocentos anos, practicábase unha educación integral na que convivían a literatura, a retórica, as ciencias e a filosofía, incluída tamén a educación física e artística. Pero o máis importante non eran os contidos, senón os valores que se propoñían: conseguir a excelencia moral e intelectual para formar cidadáns que, a partir da moderación e da xustiza, participasen na vida social da comunidade ateniense. Valores que, ao meu entender, seguen a estar totalmente vixentes e que todos os educadores deberiamos ter moi presentes como ideais para comunicar e conseguir e, deste xeito, poder endereitar o camiño desta sociedade insolidaria, desnortada e convulsa que nos tocou vivir.
Pero hoxe estamos, sobre todo, nun dia no que se inaugura a 31 Feira da Ciencia de Ribadeo que, ademais, foi a primeira que se celebrou en Galicia alá polo ano 1995., Iniciativa da que temos que estar xustamente orgullosos e tamén agradecidos con aqueles profesores que tiveron esa visión de futuro cara a unhas actividades que hoxe teñen unha vizosa profusión e pluralidade por todo o país galego.
Tería, pois, que falar agora doutra verba ilustre e de moi longo percorrido como é a da Ciencia. Actividade que ten unha orixe tamén moi afastada no tempo e que a podería levar ata a mesma Grecia clásica. Aínda que unha ciencia, tal como hoxe a entendemos, cunha sólida base experimental, non existiu ata os séculos XVI e XVII, nos que xigantes como Galileo ou Newton foron quen de desenvolvela con mestría e facela útil e admirada por todos. Grazas a ela tamén, nos séculos seguintes a nosa vida cambiou dun xeito radical: as distancias acurtáronse coa aplicación do vapor ao transporte terrestre e marítimo, a electricidade facía posible soños ata entón inalcanzables, como a comunicación da palabra na distancia co telégrafo, ou acabar superando as tebras mediante a lámpada eléctrica. Pero sobre todo, cos novos coñecementos médicos e farmcolóxicos, a esperanza de vida das comunidades humana que teimudamente non conseguían superar os corenta e poucos anos, de súpeto comezou, grazas a sanidade científica, un proceso ascendente e imparable que nos levou hoxe, por exemplo, a que como galegos gocemos dunha esperanza de vida de máis de oitenta e catro anos.
Pero a ciencia, esa ferramenta admirable que nos axuda a entender o mundo e asentar as bases do noso benestar, nas mans de déspotas e de tiranos converteríase axiña nun perigoso poder que hoxe, coas dimensións que conseguiu, podería acabar con toda a vida da terra. E, sen chegar a tan definitivo desastre, coa intelixencia artificial, as redes de información e control e a vixilancia invasiva que se están a espallar por todo o mundo, poderíase orixinar unha humanidade prisioneira, robotizada e sen capacidade para decidir por si mesma. Ademais, estamos a ser testemuñas dunha aceleración inusitada na aparición destas novidades, sobre todo en determinados campos do coñecemento, que obriga a unha adaptación forzada dos nosos ritmos de vida. Riscos que o propio Papa León XIV ven de lembrarnos recentemente coa súa primeira encíclica.
Diante destes perigos que nos suxire hoxe a verba Ciencia, non ficaría máis solución que volver os ollos cara a primeira verba da que falei na miña intervención: a Educación. Sobre todo, unha educación en valores que promovan a solidariedade e igualdade planetaria e trate de preservar ata o máximo ese fondo de empatía, sensibilidade, imaxinación e independencia que sempre tivo en potencia o ser humano.
Son valores que, sen dubida, ensina e transmite o profesorado, cando animan ao alumnado a participar nestas feiras da ciencia, que non son só un “divertimento”. coas novas oportunidades que a tecnoloxía ofrece, nin sequera só unha ferramenta didáctica (que tamén o é), senón e sobre todo, un medio para achegarse a unha ciencia que debe ser amiga e solidaria e con capacidade para mergullarse nos misterios da vida e da materia. En definitiva, unha ciencia con rostro humano, que se debe considerar e administrar con respecto pero, por riba de todo, empregar para o servizo dun planeta que en non moito tempo chegará aos dez mil millóns de habitantes. Cifra que estremece pero que, aínda así, pode permitirnos imaxinar, se facemos as cousas ben, unha comunidade de seres humanos na que os recursos estean ben coidados e repartidos e a xustiza, a concordia e a liberdade, sexan bens dos que todos poidamos gozar.
Remato, cunha nova verba para engadir as dúas das que xa estivemos a falar: a de Ribadeo. Por que esta nova verba e neste acto? Pois porque tanto a Educación como a Ciencia se poden aplicar a valores universais, como xa estivemos a ver, pero tamén, porque ambas as dúas non acadarían o máximo das súas posibilidades se non serven para explicar e mellorar o que temos máis preto de nós. E dicir, facer unha ciencia ao servizo do global, pero tamén cun interese sincero e decidido polo local.
Un exemplo salientable desta ciencia aplicada ao local teríamolo aquí mesmo, en Ribadeo, cando en 1834, o enxeñeiro alemán Guillermo Schulz, nun caserón da rúa que leva hoxe seu nome, na parte antiga desta vila, remataba o Mapa Petrográfico del Reyno de Galicia no que aparecía por primeira vez representada, dun xeito sistemático e racional, a cartografía dos diferentes tipos de rochas galegas. Foi un traballo de moitos anos de andar polos vales, costas e montes, que tiña en Ribadeo o seu centro neurálxico e no que chegou a instalar preto da antiga Fortaleza un pequeno laboratorio de análise mineral que mesmo alarmou aos veciños polos fumes e cheiros que despedía. Era, pois, un traballo de ciencia aplicada, onde os mellores coñecementos da minaría alemá do momento eran postos ao dispor dun proxecto de país. E se Otero Pedrayo dicía, cando se refería á Carta Geométrica de Galicia, outro feito senlleiro da nosa ciencia, que estaba diante do “Rostro de Galicia”, coido que nós, co mapa de Schulz, poderíamos falar, con toda xustiza, das “entrañas” ou da “cerna” da nosa terra.
Ciencia, pois, con amplitude de miras, aberta a todo o que de bo, novidoso,e universal nos poida achegar, pero tamén unha ciencia do local, é dicir, cos pés no chan, neste chan, tan fermoso, acolledor e noso como é o de Ribadeo e toda a sua contorna.
De novo, o meu recoñecemento a todos os que me escoitastes, e que a Educación, a Ciencia, e Ribadeo, esas tres evocadoras verbas para non esquecer xamais, sexan sempre os vosos e os nosos guieiros.
Con todo o meu aprezo e agarimo, moitas grazas.
—
Relacionado coa XXXI Feira da Ciencia, no blog:
Material gráfico: https://blogs.amarinha.gal/ribadeando/2026/06/12/feira-da-ciencia-de-ribadeo-edicion-2026-material-grafico/
Nota de prensa e cartel: https://blogs.amarinha.gal/ribadeando/2026/06/05/feira-da-ciencia-ribadeo-2026-nota-de-prensa/
- Sobre a Feira da ciencia, en xeral:
- https://fqribadeo.ribadeando.com/search?q=Feira+ciencia
- https://blogs.amarinha.gal/ribadeando/?s=Feira+da+ciencia
