Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.528 posts
42 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Billón. Arredor de Elon


Billón. Hai non tanto tempo era unha palabra que non se usaba, descoñecida na práctica. Hoxe é coñecida, pero confusa. Polo seu significado, polo a que se aplica, e pola carencia de imaxinación para ter unha imaxe na nosa cabeza.

Primeiro, o significado. Por estas terras, ‘de sempre’, un billón foi igual a un millón de millóns, e segue a selo. Pero, por tradución dalgún lugar e lingua no que é interpretado como un milleiro de millóns, atópome cando digo ‘billón’ coa necesidade de especificar a que billón me estou a referir. Que por certo, sempre é ó ‘noso’, ó que se chama ‘escala longa’. A ‘escala curta’ sería na que 1 billón = mil millóns, e na que 1 trillón = un millón de millóns; a ‘nosa’, a ‘escala longa, iguala 1 billón a 1 millón de millóns, e 1 trillón a un millón de millóns de millóns. E que conste, parece que a nivel mundial, pouco a pouco o significado que se vai adoptado de xeito maioritario vai variando ó ‘outro’, ‘o que non é noso’…

O segundo, polas cousas ás que se aplica. A súa aplicación, dado que é difícil atopar cantidades tan grandes para contar, comezou na ciencia, lonxe das preocupacións e contabilidades máis comúns. Aínda que hai xa tempo que comezou a aplicarse na economía da man dos estadounidenses e os seus billóns que son unha milésima parte dos nosos billóns, e polo tanto, algo máis doados de acadar en cantidade de dólares ou euros.

O terceiro. Alguén se pode imaxinar un billón de pedras ou de grans de area, por poñer un par de exemplos? Postas nunha pila, como sería de grande? E se a cantidade a poñemos en moedas de un euro? Caberían na túa casa? Pódese facer as contas, pero a bote pronto, non creo que ninguén que estea a ler isto se poda facer unha imaxe da pila ou de se caberían as moedas ou non na casa. Por certo, a resposta e non, un capital de un billón (galego) en moedas de euro non cabería na túa casa (e non sei cantos metros cadrados ten!).

A finais do século pasado escribín un artigo titulado ‘Bill Gates mercará A Mariña’ (republicado en dixital en marzo de 2006). Daquela, o tal Bill era o multimillonario de referencia, igual que agora o é Musk. Daquela, no artigo, negaba que o fora facer, aínda que afirmaba a posibilidade pola cantidade de cartos que tiña. A cuestión era que a porcentaxe do seu capital que tería que inverter era demasiado grande para que o fixera. Hoxe, con Elon Musk e o seu capital -equivalente ó que ten o conxunto dos 4 000 000 000 millóns de persoas máis pobres do planeta-, xa non me atrevería a negar a posibilidade de compra. Aínda que as posibilidades sexan poucas, sinxelamente porque considere que non lle paga a pena: non lle fai falta. E de seguro tampouco lle faría falta mercala para desfrutar dela como amo e señor por riba da lei (parecido ó Gates ó que me refería hai trinta anos, pero con máis contundencia aínda). E é que podería entregar máis de 15 millóns de euros a cada un dos 70 000 mariñáns, da pequena Berta á centenaria Mercedes, e aínda quedar con capital abondo para non ter que traballar o resto da súa vida (no 2006, Bill Gates só podía entregar uns 800 000 € a cada un). Os tempos cambiaron dende que lle adiquei o artigo ó capital de Gates: o aumento de capital anual dos multimillonarios soe andar por porcentaxes de dúas cifras ben cumpridas, mentres que a xente de a pé dámonos cun canto nos dentes se aumenta algo… Así medran as diferenzas.

Fediverse reactions
,

Unha resposta a “Billón. Arredor de Elon”

  1. Si empregaran só unha pequena parte do seu capital en urbanizar, e dar vida ós países de África, como por exemplo, Sudán, non habería tanta pobreza e os nativos non estarían obrigados a emigrar polas hambrunas, e a barbarie das guerras en que viven. Non terei ningunha pena de Elon, cando lle estoupe outro cohete, e espero que esté cerca para que poida velo ben

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *