FOTOGRAFÍA HOSPITALIZADA

Iso foi o que ideou a fotógrafa arxentina Lola García Garrido mentres estivo ingresada en 2025 no hospital Gregorio Marañón por mor dunha forte anemia durante unha boa tempada. Con esas instantáneas (a xeito de collage) inaugurou no mes de marzo a mostra “Heroínas en el hospital” no complexo hospitalario Álvaro Cunqueiro de Vigo que despois percorreu outros centros sanitarios galegos.
A idea xurdiulle a partir do catálogo da exposición do 2011 “Heroínas” no museo Tyssen-Bornemisza que lle levaron uns amigos para que se entretivese estando adoecida e doente. Nel figuraban retratos de Frida Kahlo, Goya ou Caravaggio e de aí saíron as súas heroínas híbridas con expresión de tedio, dor ou loita fronte á adversidade. A súa obra mestura esas pinturas femininas coa súa propia experiencia hospitalaria. Hospital provén de hospedar e ela quixo reflectir nesas mulleres retratadas o acompañamento que lle ofreceron ante a soidade e o desamparo deses momentos.
Desprovista das súas ferramentas profesionais, tivo que facer co móbil as fotografías mesmo contra a súa vontade como artista. Malia todo, conseguiu unha serie de fotomontaxes nas que se ven con crueza as costuras e as cicatrices que deixan as feridas (físicas). Tamén reflectiu nelas os tratamentos diarios aos que se sometía: inxeccións de heparina ou extraccións sanguíneas. Por iso á “Valquiria” de Peter Nicolai Arbo faille empuñar, a xeito de espada, unha xeringa. As súas creacións son tamén unha homenaxe ao sistema público de saúde, aínda eficiente malia á súa precariedade.
Lola García Garrido xa era coñecida aquí desde a década pasada por ter colaborado audiovisual e escenicamente co músico Xoel López e este ano a súa colección de “Heroínas en el hospital” foi seleccionada para a edición dixital de PhotoEspaña.
