Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.523 posts
42 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Sonia Villapol en Ribadeo: científica na Feira da Ciencia


Adxunto nota de prensa de Susi Besteiro sobre o fito da visita de Sonia Villapol á Feira da Ciencia de Ribadeo.

Sonia Villapol na XXXI Feira da Ciencia de Ribadeo

Sonia Villapol, neurocientífica de referencia a nivel mundial estivo coa súa familia na Feira da Ciencia de Ribadeo. Xa impartira unha conferencia online na XXVI Feira da Ciencia, o curso post-pandemia, cando a actividade docente estaba bastante limitada pero a visita a Ribadeo estaba pendente. Este curso, para celebrar o Día da Muller e da Nena na Ciencia, o alumnado de 2ESO C con Iván Varela, profesor de física e química, tiveron a excelente idea nomear a súa aula como Aula Sonia Villapol e entón Sonia mandou un video de agradecemento e ofreceuse para visitar o centro aceptando a invitación para dar a conferencia de clausura da Feira da Ciencia para o alumnado e profesorado dos catro centros ribadenses.

Recorreu a Feira da Ciencia comezando por un traballo que o alumnado de Stembach, Bacharelato de Excelencia, está facendo en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela titulado “Que nos fai humanos? A maxia do cerebro”. A alumna Aitana Monasterio explicoulle que están facendo unha investigación guiada por profesores da Facultade de Veterinaria de Lugo sobre o claustrum de cabalo, unha estructura cerebral cada vez máis estudada pois axuda a integrar a información procedente de distintos sentidos. Escoitou atentamente outros traballos do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo como o Pulmón de Palomitas co que o alumnado trata de disuadir sobre o consumo de vapers, a innovadora “Inmunoterapia con células Car-T ou os Micro-ARN, como interruptores da expresión xénica. O alumnado do Sagrado Corazón amosoulle traballos de tecnoloxía e tamén un traballo de bioloxía sobre unha pequena estructura celular recentemente descuberta, o Hemifusoma, relacionada coa reciclaxe de materiais dentro da célula. Na zona onde estaba situado o Gregorio Sanz disfrutou vendo ó alumnado de primaria explicar o Scratch tactile, e o rego automático entre outros. Tamén se interesou polas ensinanzas do Porta da Auga e estivo falando co profesorado e facendo fotografías con moito alumnado.

Tras visitar a Aula Sonia Villapol, o museo de material didáctico do centro e o laboratorio de Bioloxía, chegou o momento da conferencia. Aínda que estaba anunciada baixo o título Un cerebro activado, un cerebro de preguntas, ofreceu en primicia “O Cerebro en modo ON” coincidindo co título do libro que proximamente a editorial Galaxia lle vai publicar.

Fixeron a presentación Iván Varela acompañado por María Menéndez e Mateo Villapol que non só destacaron a súa traxectoria ata chegar a ser neurocientífica do Texas Medical Center de Houston senón que tamén remarcaron a súa dimensión humana xa que Sonia foi unha das voces expertas, que durante a pandemia da COVID-19 ía transmitindo a información en momentos de incerteza.

A conferencia resultou moi interesante, con numerosas explicacións para entender o comportamento adolescente e con moi bos consellos para o alumnado pois insistiu na necesidade de dormir ben, facer deporte, estar ben alimentados e socializar para ter un cerebro sano. Ó final a súa filla Sheila, falando un galego perfecto, amosou os resultados comparativos dunha enquisa sobre hábitos de vida e saúde mental que meses atrás responderon cen alumnos e alumnas do IES de Ribadeo e outros tantos do Instituto de Texas onde ela estudia. Destacou que os resultados saíran moi parecidos pero quedou como tarefa pendente para o vindeiro curso facer unha análise conxunta máis detallada porque xa se acercaba a hora de remate.

Tras numerosos aplausos para ámbalas dúas, chegou o momento dos regalos, primeiro un busto realizado coa impresora 3d grazas á axuda de Conchi Fernández de Polos Creativos. Fixeron a entrega Julia e Mateo Villapol, que ademais de ser xeración Polos Creativos son familiares de Sonia. A continuación, a Directora do Instituto, María Ron entregoulle o Faro da Illa Pancha por ser un faro de ciencia.

Relacionado coa XXXI Feira da Ciencia, no blog:

Material gráfico: https://blogs.amarinha.gal/ribadeando/2026/06/12/feira-da-ciencia-de-ribadeo-edicion-2026-material-grafico/

Nota de prensa e cartel: https://blogs.amarinha.gal/ribadeando/2026/06/05/feira-da-ciencia-ribadeo-2026-nota-de-prensa/

Fediverse reactions

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *