Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.513 posts
41 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

A baldosa asasina


A baldosa asasina

Había unha vez unha baldosa… Non, non se trata de contar un conto, a modo deses que rematan cun ‘foron felices e comeron perdices’, senón de contar a realidade, aínda que sexa como se dun conto se tratara.

Íamos logo pola baldosa asasina. As rúas das vilas están cheas de baldosas. Din os que entenden que é un método bo de cubrir as beirarrúas. Mais, a vida mesma ensínanos que o tempo pasa, e que veñen problemas, e necesítase mantemento. No caso das persoas, polos médicos. No caso das beirarrúas, pola xente de mantemento do concello, ou, no seu defecto, por xente contratada por empresas contratadas polo concello. E, se non hai un mantemento adecuado, os problemas maniféstanse, medran, e… poden ocorrer accidentes. É aquí cando lembro aquelo de ‘que pareza un accidente’.

A grande maioría de cada unha das baldosas que pisamos nas beirarrúas soe estar ben, non escachada, nin móbil, nin inexistente. Pero tamén hai veces que están esnaquizadas. Por exemplo, hai baldosas partidas, e normalmente non vai só iso de estaren en anacos, porque se están en anacos soe ser precisamente porque están móbiles, por non asentar ben. Así que, moitas veces, o primeiro paso do deterioro baldosil é o non ter bo asento. Nótase nos días de chuvia porque ao pisalas pode saír un géiser explosivo e mollar o calzado, pernas / pantalóns / medias… e levar quen camiña ou corre sobre elas unha pequena impresión co desagrado sucesivo que corresponda. Desagrado, non desagravio, que o desagravio terían que darllo despois os de mantemento ou o seu xefe, quen ocupe a alcaldía, e a non ser que concorran no interesado ou interesada circunstancias excepcionais (poñamos por caso, ser da casa real), non se espera tal cousa, ao menos por parte de afectados realistas (desta, o de realista vai polo aprecio da realidade, non polo aprecio da casa real).

Ese sería o primeiro paso do deterioro, digo. O último paso sería a desaparición da baldosa: a baldosa ‘morta’ desaparece da faz da beirarrúa e queda o seu oco, un espazo ostensible, diferente do seu entorno, facilmente detectable a non ser que se vaia absorto no último tiktok que apareceu no móbil, ou cousa equivalente. Descanse en paz (a baldosa, que abondo foi pisoteada con antelación). Unha vez morta, non hai moito perigo.

Entre ambas situacións hai algunha outra, entre as cales é salientable a de ‘baldosa asasina’. É raro que non aparezan varias nas rúas dun pobo de certo tamaño como Ribadeo, e mesmo admiten cualificativos, como aquelas as que podemos chamar ‘baldosas asasinas en serie’, cunha aresta saínte perpendicular ó sentido da marcha e situadas en zonas moi transitadas. Son aquelas nas que a xente tropeza con moita frecuencia, e como transita sobre elas moita xente, soen amañarse rápido. Non porque se queixen as baldosas, non, senón porque transitan sobre elas xente con man no concello, e non se pode permitir que sigan así. Por iso soen ser máis perigosas as baldosas asasinas sinxelas, aquelas situadas en rúas menos transitadas, das que por iso mesmo ás veces tarda en reportarse a súa maldade, que levantan a súa beira cousa dun dedo, abondo para tropezar, pero non moi doadas de detectar. Son quizais as máis perigosas, as que producen máis accidentes por número de persoas que pasan sobre elas. Foi unha delas a que me inspirou este artigo. Unha que xa fixo tropezar varias veces a alguén coñecido, que cando pasa polo lugar aprendeu a estar atento para evitar a desgraza disfrazada de accidente. Comparto o lugar con quen estea a ler: á beira do Colexio Público Gregorio Sanz, á marxe da estrada LU-P-5207. Xa o sabes: que non teña que parecer un accidente!

Fediverse reactions

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *