O sábado tivo lugar a primeira parte da homenaxe que a A. C. Francisco Lanza artellará este ano para honrar a memoria de Hernán Naval.

O primeiro foi unha comida de confraternización da xente que lle tiñamos consideración. As 80 prazas non deron moito de si, quedou xente fóra.
Na comida falaron o Presidente da A. C. Franciso Lanza, Farruco Graña, e a Concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo. Queda para outra entrada o relativo ó segundo acto, o concerto conmemorativo.
Verbas de Farruco Graña:
Hernán Naval foi un ribadense máis de acollida que soubo sumarse á marea de actividade cultural que había en Ribadeo.
Pero foi un ribadense que soubo dar un pulo especial á actividade musical en particular e ao activismo cultural, social e político en xeral.
Deixounos moitas ensinanzas ao noso dispor: calquera persoa que tivese participado con el na Banda de Música, ou nas diferentes versións de agrupacións usicais en torno a ela, ben nos podería contar, e así o agardamos esta tarde no auditorio por parte de Antonio Gregorio e Aurora López Rodil, múltiples anécdotas do día a día musical de Hernán ao abeiro da Escola de Música e da BMMR.
Tamén debemos destacar o innovador que foi Hernán en distintos eidos. Onte, na homenaxe que lle brindou a A. C. Pensamento e Sementeira, podiamos escoitar da man de Paco Luis Rodríguez a implicación a nivel galego de Hernán Naval no mundo da música e das agrupacións culturais. Polo que repecta á ensinanza da música foi pioneiro defendeno a filosofía das escolas de música. Ribadeo foi, como noutras moitas ocasións, vangarda a nivel galego destes centros educativos. Saibamos preservar, e sobre todo desenvolver, dito espírito innovador, tal e como o soubemos aplicar na defensa da igualdade entre homes e mulleres, ou na promoción e uso da lingua galega e a posta en valor dos nosos produtos locais e un feixe longo de iniciativas que el tamén defendía e traballaba arreo para que fosen unha realidade.
Estamos na véspera do Día das Letras Galegas, eu quero dicir Día Especial das Letras Galegas, porque Día das Letras Galegas debe ser todo o ano; neste día de celebración da nosa lngua nacional, sempre había unha cita e segue a haber, coa Banda de Música Municipal de Ribadeo: o Concerto das Letras Galegas. Imos facendo ronsel ao longo dos anos, das augas da nosa historia colectiva.E nel podemos contemplar o legado da forza creadora da xente que xa non está connosco e collermos impulso os que aquí seguimos para avanzar máis e máis no desenvolvemento da lingua e da cultura galegas.
Semella que se aveciña algún que outro trebón preñado de oportunismo para minimizar cada vez máis a prsenza dos nosos sinais de identidade na vida colectiva. Estou convencido de que Hernán Naval non ficaría calado e berraría alto e forte contra esa barbarie negacionista e aou mesmo tempo deseñaría novas actividades coa participación conxunta de todas aquelas persoas que senten orgullo polo seu, pola súa lingua.
–
Agradeceu á Deputación (Vicepresidencia primeira, área de Cultura), e ó Concello. Á Banda Municiapal de Música de Ribadeo, Coral Polifónica de Ribade e Amadores da Música. A Hortensica, Fernando Fernández, Luís e Macu, Isidoro e Aurora, por facilitar fotos e vivencias. A Chenchu, por dar imaxe a todo este proxeto, A Hugo, por toda a variada colaboración, Antonio Gregorio e Aurora López Rodil, polo mesmo. A Paco Luís, Xiana e Lucía, da parte de Pensamento e Sementeira.
–
Verbas de Begoña Sanjurjo:
Bo día a todos e todas.
Tócame falar no nome do Concello pero gustaríame comezar desde o persoal.
Eu coñecín a Hernán cando dirixía a Coral de San Cibrao e a Coral Polifónica de Ribadeo foi alí a unha xuntanza de corais. Neses tempos era habitual cantar un tema final todas as corais xuntas baixo a batuta do director anfitrión. Cantamos o Velaí Vai e ó final da peza cando Hernán estirou o brazo as sopranos ribadenses case tiramos abaixo o teatro coa potencia que lle demos, estábamos acostumadas ós movementos de Carme Cancelo, máis comedidos. As seguintes veces que nos dirixiu, xa lle colleramos o punto.
Teño que dicir tamén que miña irmá e máis eu, fomos daquel primeiro alumnado que se apuntou no 1989 para formar parte da Banda de Música ribadense, saquei 1º de solfeo con Hernán, pero ó ano seguinte marchei á universidade, aparquei as baquetas, e pasei a ser público acompañante, familiar de clarinetista e percusionista… e fan da banda. Eu creo que o estou mellor do lado do público.
Neste día homenaxeamos o labor de ensinar música e de formar unha banda pero para isto hai que ser mestre e guía, exemplo de compromiso, de horas entregadas, de crer no talento dos demais mesmo antes de que eles mesmos se desen conta de que tiñan talento.
Homenaxeamos a dedicación, a constancia e o amor pola nosa cultura de quen soubo converter notas en emocións e longos ensaios en comunidade.
Baixo a súa batuta xuntáronse xeracións por un proxecto común, medraron pícaros e pícaras que se converteron en músicos afeccionados e algúns tamén profesionais, demostrouse que as bandas podían tocar calquera tipo de música e colaborar con outras formacións, recuperáronse tradicións e creáronse outras como o concerto Aquí como en Viena.
Recoñecemos unha traxectoria, pero sobre todo unha pegada indeleble na historia do noso pobo.
Desde a primeira actuación da banda, formouse un orgullo ribadense, do concello como cidadanía e tamén do Concello como institución que fortalecemos cada vez que a nosa banda fai un concerto, unha procesión ou calquera outra actuación. Grazas Hernán, por formar parte da historia musical de Ribadeo.
