TENSHOKU SODA BAR
Así se chama o único bar do mundo (por agora) no que convidan de balde a clientela a afogar en alcol (ou no que cadre) e a contar as súas penas. Mellor que o fagan así que empregando algunha arte marcial, abofé. É posíbel que en Occidente o concepto remate por se converter nunha moda como os restaurantes de sushi. Todo pode ser.
Este orixinal establemecemto atópase na cidade nipona de Yokohama e a el van facer terapia con camareiros psicólogos (os deste local, verdadeiros graduados universitarios ou asesores profesionais) todos aqueles traballadores xaponeses despedidos ou fartos do seu traballo. Precisan desta terapia personalizada e integral despois do shock dun “sayonara, baby” laboral. O seu horario é de tarde e só se pode acceder con cita previa, ficando un máximo dunha hora e media porque tampouco é cuestión de ocupar máis tempo a mesma mesa. O seu propietario é o grupo LIA que, casualmente, está especializado en recrutar perfís talentosos para as empresas.
Esta cultura do esforzo e da lealdade cos seus superiores está tan enraizada no subconsciente colectivo (xa se sabe que cando hai folga esta consiste en traballar arreo precisamente aínda máis que nun simple día normal) que mesmo existen axencias especializadas en rachar con este vencello tóxico tan traumático para tantos.
É sabido que en Xapón (país no que a “Karoshi” ou morte por esgotamento no traballo está considerada case como unha medalla ao mérito emprendedor) o eido laboral ten unha importancia vital indiscutíbel e que fracasar nel é mesmo unha cuestión de orgullo persoal. Algo semellante crían os nazis cando colocaban á entrada dos campos de exterminio cartaces co lema “Arbeit macht frei” (o traballo faivos libres). Para os seus prisioneiros obviamente non foi así. Sería porque, en realidade, quen dá a liberdade só é o diñeiro.

