Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.469 posts
38 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Contradición? Si, claro


Contradición? Si, claro.

Cando escribo isto, mañá é Domingo de Ramos. En Ribadeo atópome cun taboleiro de anuncios nun local de servizo ó público no que conviven en espazo para avisos e en tempo de programación previsto o anuncio dun divertido (suponse) cursiño de inglés para os mais pequenos, unha obra de teatro de Castelao, un cartel cun cristo coroado de espiñas e a lenda ‘Semana Santa Ribadeo 2026’, un concurso solidario de puzzles, o próximo encontro de fútbol do Ribadeo FC na casa, e o Camiño Norte Fest (no aparcadoiro municipal -sen especificar en cal deles- coa Panorama, servizo de bar e Food Trucks). As actividades superpóñense unhas a outras, e coido que aínda debe haber algunha máis para estes días, mesmo deixando aparte o desenvolvemento do programa ‘sacro’ da S. Santa.

Entendo, ó mellor de xeito errado, que é esta última, a Semana Santa, a que subministra boa parte do ‘tirón’ para as outras actividades, pois o ser ‘Semana Santa’ trae a xente de asueto e folganza. Iso, aínda que algunha -por exemplo, o fútbol- sexa de desenrolo normal ó longo de boa parte do ano. A máis, é doado entendelo así porque o taboleiro no seu conxunto presenta unha considerable compoñente de atracción cara ó turismo. Ó tempo, enténdoo como unha contradición, unha diverxencia entre a Semana Santa e o seu espírito de recollemento para os católicos practicantes e o resto de actividades incluíndo música (non relixiosa, en principio), comida, deporte (visto, quizais non tanto practicado), xogos, aprendizaxe divertida, distracción intelectual… Unha Semana Santa que aínda así non deixa de anunciarse como atracción e para atraer á xente, competindo no conxunto das súas actividades cunha certa vantaxe de saída sobre as outras previstas para eses días. Mais, aínda así, aceptando a mesma dinámica.

O ser humano é contraditorio. Quen máis, quen menos, somos contraditorios nalgunhas cousas, aínda que tentemos manter certa consistencia ó longo da nosa vida. Logo, é normal que a sociedade no seu conxunto tamén o sexa nalgunha medida. Mais a crecente submisión das actividades e do conxunto da nosa vida ás chamadas ‘actividades económicas’ leva consigo tamén unha falta de distinción e igualamento nalgúns aspectos entre cousas como a relixión e o deporte, que rematan mesturadas na ‘economía’, no aproveitamento para lucro: enténdase sempre ‘economía’ como movemento de cartos ou incremento de capital, interpretación lonxana das súas orixes como evolución de ‘xestión da casa’.

Non hai que ir moi aló para sumar máis contradicións nos tempos de Semana Santa. Por exemplo, a pompa que nas mesmas procesións destilan os moitas veces (sempre que é posible!) luxosos pasos, en contraposición coa pobre circunstancia que tentan lembrar. Ou a asistencia das ‘autoridades’ (civís e militares) en función do exercicio de tales autoridades, a esas mesmas procesións nun estado que na súa constitución declara que ningunha relixión terá carácter estatal (art.14).

Mentres, a vida segue.

Reaccións do Fediverso
,

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *