Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.454 posts
37 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Capacidade de desasombro


Capacidade de desasombro

O asombro é unha impresión de admiración ou de medo producida por algo. Un algo que é inesperado, pouco usual e se toma como extraordinario. Iso é o que di o dicionario da RAG. Precisamente, se se produce impresión é polo que ten de inesperado, polo extraordinario. A partir de aí, falamos da humana capacidade de asombro como algo positivo, que vai na substancia do ser humano e que nos leva a lugares descoñecidos na nosa imaxinación, nas nosas posibilidades de tratar co mundo que nos rodea, impulsando o noso espírito, a nosa humanidade.

Mais vivimos nun mundo no que hai inflación de impactos extraordinarios ou que o son de xeito suposto, axudados pola propaganda, dende a tecnoloxía á política, con mecanismos que tentan atraer a nosa atención producindo unha morea deses impactos e saturando a nosa capacidade de asombro. Converténdonos en pasotas por saturación. Deshumanizándonos.

Un pequeno exemplo para entendérmonos: os cativos teñen a capacidade de asombro intacta: todo é novo para eles, e así medran non só en tamaño físico senón tamén en tamaño mental e o máis importante, en humanidade. Mais hoxe, en moitos casos, o día de reis non lles chama a atención. Teñen regalos abundantes xa no ‘Papá Noel’, despois de telos tamén, non menos abundantes no cumpre, e no santo, caendo algún máis no fin de curso, por algunha visita de amigos ou familiares… co que dificilmente teñen asombro en ningunha desas ocasións, nin en reis. Perderon a capacidade de asombro, e quedan abúlicos e desprezativos cuns agasallos que raramente son capaces de chamarlles a atención. Mesmo nese raro caso, por curto tempo. E os adultos, ó fin, somos algo así como ‘nenos grandes’.

En xeral, o dito pode aplicarse a multitude de feitos, como á inflación de festas que deixan de ser festivas para ser mesmo unha obriga que non podes perder no camiño do autoimposto ‘pasalo ben’. Pero estes días a min chámame a atención a inflación de novas sobre agresións internacionais, sobre o caos da imposición da forza, sobre o demonizar ós outros ós que se designa como inimigos por razóns persoais, particulares, máis aló de -e deixando a unha beira- actuacións totalmente indefendibles. A inflación de mísiles deixa a nosa capacidade de asombro repleta por esa banda, mentres o xa colmado asombro polos asasinatos xenocidas recibe a axuda das novas mortes provocadas polo último ataque mortal israelo-estadounidense. E xa para que falar das ‘fake news’ (soa máis guai que a vulgar ‘mentira’ á que quere substituír?) a través das redes sociais que menoscaban a nosa soberanía interna, a máis da dixital, mentres nos fan perder privacidade coa cesión continua de datos?

Para volver a ter a capacidade de asombro, e retomar por aí esa parte de humanidade, fai falta aplicarnos coa nosa ‘capacidade de desasombro’, de desligarnos asépticamente de noticias que nos golpean de continuo no mesmo sitio. Capacidade de baleirar ese exceso de asombro que nos paraliza e con iso, nos deshumaniza. Mentres, imos quedando sen asombro coas redes de rutinas de decisións administrativas das que xa non se piden contas, acumulación de silencios por resposta en caso de ter a ousadía de preguntar o por que de decisións que nos afectan, desorde organizado polo poder económico, presión ó político e deste a nós, présas para responder a necesidades vitais (pero présas só para os cidadáns de a pé), cultivo de emocións inmediatas que favorecen a quen as provoca…

Reaccións do Fediverso
,

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *