Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.447 posts
37 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Privatizando o goberno (do mundo)


Privatizando o goberno (do mundo)

Esquécete de ter que votar, é moito máis cómodo deixarte levar.

O anterior podería ser o lema da próxima política, a de deixar os problemas e en xeral a nosa vida para que nolos solucionen e dirixan as corporacións. Xa non se trataría da auga, privatizando a súa xestión e deixándoa en mans de multinacionais das que nos imos esquecendo. Así, quizais podas lembrarte de como se chama agora a empresa que xestiona o subministro -público- de auga a Ribadeo, pero, a quen pertence, quen a dirixe, quen manda nela? O que sabes é que ti non. Tampouco da electricidade, xestionada por empresas ás que lles interesa máis baleirar os pantanos e facer cartos que levar unha xestión que asegure o subministro tanto eléctrico como de auga para consumo humano. Tampouco se trata de crear chiringuitos para xestionar bens públicos comúns, e para que nin se lles poda botar culpa ós políticos da mala xestión ou opacidade (reclámalle o chiringuito -’privado’, ‘autónomo’- o que un dereito publico…) nin se poda evitar que sexan feudos para regalías. Non, a cousa xa vai noutra escala.

Trátase do goberno dos estados e do mundo. De gobernar os principais estados (comezando polos EEUU), de privatizar tamén as relacións internacionais, nun contexto de recolonización do mundo por entidades privadas, que deixan como secreción unha ditadura que parecería fascista, pero que supera esa fase porque non lle fai falta nin os seus métodos nin o fondo da súa ideoloxía. Ten os seus propios métodos, baseados nas modernas tecnoloxías, e non usa máis ideoloxía que o capital: chégalle con baleirar de ideas á xente e fai outra ideoloxía innecesaria, máis un problema que un apoio, valéndose aínda dela -de calquera- en modo utilitario cando os seus métodos non dan resultados abondo satisfactorios. Paseniñamente, vai arraigando. O último paso é ese enxendro para Gaza que tenta substituír a ONU por uns cantos países como tapadeira de empresas na procura dun monopolio de explotación. Ese é o último paso ata o momento, pero leva tempo afianzándose: hai xa decenios que os países teñen que subordinarse no trato con multinacionais a un ‘tribunal’ privado. Non dependente da ONU ou do TPI, non, e que pon os intereses privados por riba das leis ou do medio ambiente.

Si, parece unha distopía, pero non unha lonxana, totalmente imaxinaria, senón unha dun tipo que xa temos comezando a vivir pouco a pouco na realidade diaria, na que estamos a actuar a modo da ra que que está agustiño na auga mentres vai quecendo a pota e cando xa non aguanta de calor, non pode saír: está literalmente cocida.

Diríamos, a modo dos médicos, que é unha enfermidade social, unha infección que vai empeorando o seu diagnóstico. A menciña é difícil de aplicar, pois aínda que a temos moi a man, está contaminada. Chegaría con aplicar a democracia, pero se o funcionamento é defectuoso -por exemplo, no noso caso polas rémoras que se arrastran dende a ditadura e o cortocircuíto doutros intereses particulares-, dende a xente común (a xente do común), teremos que aplicarnos cunha democracia creativa, con organización social e pasando ‘da queixa á proposta e da idea á incidencia institucional’. Porque ó fin, aínda seguimos tendo institucións e organizando o estado en base a elas. E vainos o noso futuro nelo.

,

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *