Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.442 posts
37 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Las por internet


Las por internet

Hai anos había máis vida e produtos nunha taberna de aldea que hoxe nas tendas dun pobo de tamaño modesto.

A sentenza expresa unha ‘verdade’ cuestionable. Mais a súa falta de precisión, ou mesmo a dúbida sobre a súa veracidade fai que sexa case imbatible en certos contextos ou imaxinarios. Aprovéitome desa imbatibilidade para ilustrar o que pasa neste século XXI, no que literalmente nos vemos inundados de cousas. Sonnos ofertadas de xeito compulsivo necesitémolas ou non, e cada vez, digamos, con menos escapatoria pola nosa parte. O caso é que eses produtos, ferramentas, cachivaches… véñennos en parte, nunha parte que cada vez está a medrar máis, por mensaxería. Así que non, en contra do que se facía en xeracións anteriores, non imos por elas a esta ou aquela tenda, onde é posible que xa non as teñan, en caso de que as tendas sigan a existir. Iso, hoxe, pode verse como unha realidade diaria e non como unha anécdota -aínda que nalgúns casos puidera ser recorrente- ó estilo do que pasaba coa antiga distribución por catálogo de produtos moi concretos, tipo ‘Venca’ (acrónimo de ‘venta por catálogo’) para a confección ou mesmo ‘Círculo de lectores’ para libros.

Enfocado dende outro punto de vista, o da ‘produtividade’ entendida como ‘máis ganancia’: hoxe ese rendemento polo aumento de ‘produtividade’ resulta sobre todo aproveitado polas empresas, perdendo o traballo e o traballador porcentaxe de ingresos fronte ó capital, ó empresario, inversor ou rentista, e cebando un ciclo que fai que sexa necesario ganar máis para manter un ‘nivel de vida’. É dicir, fai falta tamén a inflación de ganancias do asalariado (eufemismo de máis traballo pola súa parte) para manter o nivel de adquisicións.

Así, é claro, xa non as tabernas de antano fornecidas de ‘todo tipo de produtos’, senón mesmo as tendas especializadas, non dan ni mantido a capacidade de aumento do número de produtos debido á súa diversificación, nin axustado as marxes de beneficio para poder seguir a carreira. Non é que non den beneficio (aínda que sempre hai algunha que non dá beneficio), senón que dan pouco beneficio para seguir a carreira da supervivencia de xeito tranquilo. Tampouco é que non teñan cousas, senón que na inflación de ‘cousas’ actual, sempre quedan marxes que non poden cubrir, o que vai erosionando as súas posibilidades. Sobre todo, nos pobos, que non chegan a ter unha ‘masa crítica’ para o desenvolvemento dalgunhas actividades. Entre ambas realidades, e sumando a falta de substitución xeracional por estar a perder poboación a máis de estar esta máis diversificada á hora de escoller traballos e ter unha mentalidade de axustarse máis ás ‘horas de traballo’ para ‘vivir’ o resto do horario, os pobos van quedando secos, primeiro, e logo baleiros, concentrándose a diversidade, os servizos, os cartos, a vida, nas cidades. Iso, aínda que en determinadas épocas do ano os pobos podan estar a rebordar de xente, turistas e visitantes que se ven a eles mesmos (ás veces de xeito inconsciente mentres presumen da súa integración) e fanse ver pola xente que queda no pobo, como ‘forasteiros’.

Mentres, ate un ovillo de la se pide por internet e calquera cousa que non atopes na rede terás que procurala nunha cidade, de educación a sanidade…

Reaccións do Fediverso

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *