Nota de prensa de Lucía Ferro
Presentación do libro ilustrado “Pomba, a que non era”

O próximo domingo 23 de novembro ás 12 no Cine Teatro de Ribadeo farase a presentación do novo libro de Lucía Ferro ilustrado por Andrea Lombardía “Pomba, a que non era”.
Na presentación estarán ambas autoras compartindo a súa experiencia á hora de realizar o conto, así como dúas psicólogas, Iria Díaz Ainse e Silvia Arias, que falarán das feridas causadas por traumas na infancia como o bullying e de como se tratan na obra. Recitarase ademais o texto do libro tanto en galego como en castelán acompañado por música en directo.
Outro dos temas que se tratarán é o uso de financiamento colectivo (crowdfunding) para a realización do proxecto. As artistas compartirán as vantaxes que ten, como a de outorgarlles unha total liberdade creativa para plasmar temas importantes pero en xeral ausentes nos contos infantís mais tamén as complicacións deste proceso.
Unha das consecuencias deste modo de publicación que está a chamar a atención dos seguidores de ambas creadoras é a imposibilidade de facerse xa cunha copia de “Pomba”. Explicarase que isto é así porque non hai de momento ningún exemplar impreso, nin sequera están todas as ilustracións rematadas. Só se chegará ao remate da obra se suficientes participantes se suman á campaña antes do día 26 de decembro.
Para máis información sobre o libro ou participar da campaña e recibilo en canto estea listo invitamos a visitar a páxina de Goteo https://www.goteo.org/project/pomba-a-que-non-era. Ou asistir á presentación, na que se repartirán algúns detalles con máis información do proxecto.
