Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.358 posts
33 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

ENCORDADAS. Xosé Carlos Rodríguez Rañón


ENCORDADAS”

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

Así se titula a mostra de guitarra española que a cooperativa herculina Tako inaugurou o pasado mes de abril no Instituto Cervantes e na nosa embaixada no Xapón, exposición que asemade contou con fotografías sobre o seu proceso de fabricación, faladoiros, recitais, concertos e obradoiros artesanais dirixidos polo luthier coruñés Pablo Sánchez Otero, con tenda en Tokio e residente no Barrio das Flores, o mesmo que posúe, casualmente, un monumento adicado á bandeira nipona desde 1984.

A guitarra alcumada “a perdiz”, xunto con outras cinco (realizada cada unha delas por un artesán español diferente, agás unha que foi elaborada polo xaponés Kaoru Ono, finado o pasado ano), será exposta na devandita mostra, nun país no que proliferan as escolas de guitarra andaluza, de sevillanas e de baile flamenco. Así, poderase seguir alí todo o proceso construtivo e creativo segundo o modelo tradicional peninsular.

A inauguración estivo a cargo do guitarrista e profesor do conservatorio da Coruña Mateo Arnaiz, quen interpretou pezas galegas para guitarra dos séculos XIX e XX, deixando claro así que este instrumento tan versátil non é só apto para o folclore andaluz. Velaí está tamén como exemplo a suite “Asturias” do mestre Albéniz.

Desde adolescente, sempre tiven ganas de saber tocar a guitarra. Mesmo meus pais me mercaran unha que nunca utilicei e que pasaría a meu irmán, quen si lle daría máis xeito. Parecíame (e aínda mo parece) o instrumento ideal para tocar toda clase de estilos en todo tipo de ambientes distendidos como un campamento de verán, unha tarde de praia, un xantar no monte, unha romaría popular, unha noite de festa ao ar libre como a do San Xoán, unha excursión escolar, un retiro espiritual, unha viaxe con amigos ou en tantas e tantas situacións nas que unha guitarra nunca nin desentoa nin sobra.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *