Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.335 posts
31 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Biblioteca


Biblioteca

Teño libros na casa. Iso non quita para que non visite a biblioteca pública cunha certa asiduidade. Noutro momento, máis na procura de títulos. Agora, máis ben, na procura de datos, feitos, ideas… e si, tamén libros. E xente coa que comparto algunha das actividades que na biblioteca se realizan.

De visita a unha vila de novo, procuro incluír algunha biblioteca pública. O seu porte, o seu contido, o número de usuarios, a súa dedicación á lectura, o xeito no que observan silencio, son non só datos a valorar para calibrar aspectos da cidadanía e a cidade, senón tamén, desfrute das peculiaridades observadas a través dunha certa integración nun mundo que nos é común.

A biblioteca de Vilalba, da que a piques estiven de ser bibliotecario (esa é outra historia) marcou para min o acceso á diversidade lectora, enriquecendo as miñas posibilidades. Tamén marcou momentos da miña vida que moitos anos despois rememoro con agrado.

A biblioteca santiaguesa dos amigos do país deixou a pegada doutras liñas de desenvolvemento nos curtos tempos que pasei por alí. Os fondos, maiores e máis variados, ou o vello edificio onde se albergaba, axudaron a clarificar que se as bibliotecas tentan recoller mundos, tamén son mundos de por si.

De aí, a gozar da non tan pequena biblioteca da Veiga, o paso da vella á nova (polo edificio) de Tapia de Casariego, coa lembranza das cousas positivasañoranza do vello, as dispares bibliotecas provinciais de Lugo e vella de Ourense, as chamativas -ao menos para min- de Vilanova de Cerveira ou Aveiro, as grandes bibliotecas de cidades como Valencia o Valladoid, as concibidas con outra mentalidade como a de Bregenz, as pequenas bibliotecas en centros sociais das aldeas galegas, a pequena pero independente da Getaria francesa, os bibliobuses itinerantes, son todo un ecosistema non só de cultura, senón tamén de humanidade.

Naturalmente, escribindo dende Ribadeo, caso aparte merece a Biblioteca Pública Municipal El Viejo Pancho, quizais non na que teña pasado máis tempo, pero si a que máis levo aproveitado. Particular no seu vetusto edificio, tamén a que máis levo recomendado. Cando no seu 50 aniversario editouse un pequeno libro -sen D.L., sen ISBN- non foron as súas páxinas tanto un descubrimento como un redescubrimento de cousas que nunha biblioteca coma esta intúense por transpiración, sen por iso dar por sentadas.

Bibliotecas. Un mundo que parece destinado a ser estrangulado polos medios dixitais e por imperativos económicos e dun sistema non aliñados con elas. Non quero saber a cantidade de bibliotecas que, despois de ser abertas e mantidas con sacrificio por diversas entidades, teñen pechado as súas portas ou restrinxen o seu acceso de xeito que parecen privadas. Os libros necesitan a máis de lugar, coidados, orde… e a atención costa. E, mentres nas casas pasouse de non haber libros a ter mercado enciclopedias para adorno, mentres que se pasou de non ler a ler de pasada nunha pantalla móbil, o repouso das ateigadas bibliotecas é minusvalorado, a súa pausa mesmo enerva, no camiño da perda de consideración e da indiferenza.

Unha biblioteca é das cousas que non se valora ben ata que non se ten. Pero despois, xa é tarde.

Reaccións do Fediverso
,

2 respostas a “Biblioteca”

  1. a min o do mundo dos libros dame moita tristeza pois hai comentarios diversos e de como vai o seu camiño tamén, poderíase facer unha xuntanza para falar do tema, outra é sue semella que o nome de biblioteca queren suprimilo e chamarlles mediateca 🤦🏽
    sempre benvido á biblioteca maravilhas 🐢

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *