Ribadeando
Ribadeando
@ribadeando@blogs.amarinha.gal

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

8.316 posts
29 followers

Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Que é política? E ti mo preguntas? Política es ti


Que é política? E ti mo preguntas? Política es ti

Vitorias de Etapa no conxunto de ‘Vueltas a españa’ (gl.wikipedia.org)

Parafraseando a Bécquer nun célebre verso, podemos dicir o título: “Que é política? E ti mo preguntas? Política es ti”.
Estes días pasados, a conto das protestas pola participación dun equipo chamado Israel – Premier Tech na ‘Vuelta ciclista a España’ que comezou en Italia, tróuxose a colación que ‘o deporte non é política’, ou, dun xeito quizais máis realista, que ‘hai que apartar deporte e política’. Aínda sabendo que o deporte está (mellor ‘está’ que ‘pode estar’, á vista dos acontecementos dende que o deporte é considerado tal) profundamente relacionado coa política, como amosan o boicot ós XX. OO. de Moscova, a non aceptación de conxuntos rusos en diversas competicións despois do comezo da guerra na Ucraína, ou o bloqueo á participación de Sudáfrica en diversas competicións, entre moitos outros exemplos; aínda coñecendo iso, tense feito fincapé na separación entre deporte e política, como se correspondese á realidade. Como se o aceptar un equipo que se manifesta el mesmo promotor do bo nome de Israel ó tempo que ese estado está a cometer un xenocidio, ó tempo que en cada etapa mata 50 ou 100 persoas, non tivera implicación política.
Escribo unha volta rematada a ‘Vuelta’. Na etapa A Veiga-Monforte, escoitei a un organizador dicirlle a alguén que portaba unha bandeira palestina de xeito pacífico detrás dun valado: ‘lo malo de esto es que, sabes? Los ciclistas corren peligro’. Como ciclista aficionado, coñezo os perigos da estrada e téñoos sufrido. Como persoa, sabía que o día anterior volveran matar decenas de seres humanos, persoas, en Gaza. Como manifestante ‘educado’, só me metín para retrucarlle ‘tranquilo, somos pacíficos’, calándome ‘nós non somos terroristas’ e ‘tampouco colaboramos para que sigan matando xente sentíndose impunes’ ou ‘o malo disto, sabes? É que estades a normalizar o xenocidio’.
Esa etapa saldouse cunha caída sobre a que comentarios e titulares en xeral dicían algo así como ‘un manifestante provoca a caída de dous ciclistas’, cando o manifestante (vese claro no vídeo difundido con eses titulares), caeu na cuneta, e o que provocou a caída foi o cruce dun policía. Era un manifestante exaltado que pretendía facer caer ciclistas? Sería… haberá que demostralo. O que está claro é que el non os fixo caer nin se ve que saltara ningunha protección. E o que se sabe é que hai un manifestante acusado de facer caer ciclistas. Torceduras de significado semellantes hai abondas. Hoxe mesmo, chegoume unha noticia, co titular: “Nos podían haber matado, nos tiraron chinchetas cuando íbamos a 80 por hora”. Lendo no texto que encabezaba, está claro: o titular é mentira, o ciclista non dixo tal.
Certo é que pódese facer política de xeito moito máis cómodo e con moito maior rendemento se se ten acceso directo a un despacho que tentándoo con actos na rúa, máis aínda se son pacíficos, como podemos sentir tódolos días. E tamén é certo que hai incontrolados nas protestas, mesmo infiltrados e/ou contratados para rebentalas (como se ten demostrado moitas veces ó longo da historia), así como tamén os hai nos despachos, de Washington a Moscova ou Xerusalén, en xeral abondo máis perigosos estes últimos que os anteriores.
Volvendo ó título e traducindo unha das acepcións de ‘política’ do dicionario da Real Academia Española: ‘Actividade do cidadán cando intervén nos asuntos públicos coa súa opinión, co seu voto, ou de calquera outro modo’. Como o ser humano vive en sociedade, pouco do seu facer escapa á política. Así pois, política es ti (aínda que non te decates a maioría do tempo).


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *