Ter “HYGGE”

Pronunciado algo así como “jiúga”, o que en dinamarqués quere dicir hixiene (tanto física como mental) no senso tamén de benestar, como o aplicado, neste caso, á decoración de interiores (sinxelos mais estilosos), cálida no inverno e fresca no verán, algo moi escandinavo e que todo o mundo xa é quen de identificar. Velaí está a multinacional sueca do interiorismo “low cost” ou a procedente de Dinamarca (ese país que tanto quero sen aínda coñecelo), instalada desde hai xa uns anos en Ribadeo.
Disque por esas latitudes están as persoas máis felices do mundo ou, ao menos, aquelas que teñen máis comodidades materiais. Niso se basea esta estética de ambientes acolledores, tranquilos, aromatizados e ornamentais na era das présas e do consumismo máis voraz. Caracterízase tamén polas cores neutras e claras, servindo para fogares particulares, para edificios públicos ou mesmo para espazos exteriores como xardíns, balcóns ou terrazas. Como accesorios fundamentais non poden faltar as candeas, as lámpadas de morna luz amarelada, as teas lenes, as moles alfombras e as abrigosas mantas, todo iso acompañado por elementos decorativos de estilo “vintage”, industrial ou artesanal, combinando os metais con complementos de orixe vexetal.
Son fundamentais ademais as plantas, as flores e algunha que outra obra artística contemporánea de rechamantes cores ou formas estranas (así como algunhas antigüidades ben escollidas e colocadas) que contraste coa harmonía do resto do minimalista conxunto, sempre rico nunha boa e ampla iluminación solar natural.
Eu compartín na Coruña (durante dous anos e despois da pandemia) un deses modelos de vivenda e a experiencia foi moi gratificante, algo así como estar nun agradábel e acolledor hotel con feitizo con todas as comodidades da pracidez cotiá.