Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

Crónica dunha viaxe / 09 Soria – Calatayud


Crónica dunha viaxe / 09 Soria – Calatayud

    Etapa na que chega o profundo da España baleirada, como expresa o feito de que, ó saír de Soria, pensei en parar na estación de servicio que vin para inchar os pneumáticos, que non revisaba dende o comezo da viaxe. Parei e, falando coa gasolineira, apuntoume que fixera ben, que non hai outra gasolineira antes de Calatayud, cen quilómetros en números redondos, porque pechárase hai non moito unha a uns vinte quilómetros de Soria. Ó final, puiden comprobar que si había unha uns quilómetros antes de Calatayud… Lembro que a estrada é de categoría ‘nacional’, a N 234. Ese feito alertoume e fixo que, polo que poidera atopar, o camiño fora todo por estrada, sen determe moito ata estar preto de Calatayud. Un feito favorecido polo trazado moi pouco inclinado, plano, dende pouco despois do cruce do Douro ata a entrada en Aragón, e, de aí, baixada suave ata Calatayud. De feito, foi a única etapa, exceptuada a final, na que non fixen debuxo algún ata chegar a destino.

    Luns despois de festa, a vila de Soria parece con resaca. Xusto saíndo dela, o río cabeceira de toda a conca que levo recorrendo dende a Cruz de Ferro, o Douro.

O Douro en Soria.

    Nada máis atravesar o Douro, subir á meseta e afastarme un pouco do polígono industrial no que estaba a gasolineira, presentáronseme os versos de Antonio Machado como imaxe do camiño. Para entrar en ambiente, serven estes:

Veréis llanuras bélicas y páramos de asceta

-no fué por estos campos el bíblico jardín-

son tierras para el águila, un trozo de planeta

por donde cruza errante la sombra de Caín.”

    E o mesmo que as verbas evocan unha imaxe, a imaxe corresponde ás verbas:

Campos de Castilla. Fotos semellantes sucédense.

    Puiden comprobar, tentando coñecer os pobos sen determe e baixar da bicicleta, que a poboación enteira deles dende a saída de Soria ata preto de Calatayud ben se podería meter no comedido de tamaño auditorio de Ribadeo. E sobrarían prazas.

John testemuña que me veu en Almenar de Soria.

    En Almenar de Soria, o concello, cerrado, a farmacia, cerrada (ambos, atenden determinados días, o concello, só un á semana), o bar, sen selo, pero cun par de ingleses retirados por alí tomando algo. Era cedo, pero aproveitei para o café e acertei, pois despois, ata ben pasado o límite con Aragón non había onde tomalo para facer un descanso cun mínimo ambiente. E claro, tampouco onde comer, o que fun facer a só 15 km de Calatayud, en Cervera de la Cañada. Mesmo no pobo anterior, Villaroya de la Sierra, non había auga na fonte e a biblioteca non parecía ter movemento algún dende tempo atrás. Así, non é raro que o labio aberto polo aire seco tivera que esperar a Calatayud para comezar a ser atendido, mentres que as pernas ‘bicor’ (con cor segundo a zona estivera tapada polo calzón ou exposta a aire e Sol) seguiron a torrar a parte vista.

A biblioteca, con aspecto de levar tempo pechada.

    Nunha etapa así, mesmo parece que a bicicleta comeza a facer algún ruído, aínda que polo momento non sexa preocupante. En canto a min, a máis do labio, e o nariz e perna vermellos, o cu acusa as horas sobre a sela, pero nada importante.

    Ó final, 95 km salvando un desnivel duns 300 m, unhas cinco horas sobre a bicicleta.

    E pola trde, unha volta por Calatayud. Deu tempo para mercar algo para os labios, visitar unha biblioteca con vida arredor dun claustro / patio e usada por rapaces que non eran de oito apelidos aragoneses, e mesmo de cortar o cabelo nunha das prazas do pobo ou tomar un refresco nunha terraza ó atardecer. ‘Se vas a Calatayud… pregunta pola biblioteca!’ (a Dolores non creo que podas vela xa)

Fachada do edificio coa biblioteca de Calatayud.

    Unha etapa longa, e solitaria dentro dunha viaxe dun só viaxeiro. A chegada a Aragón pola provincia de Zaragoza abandonando Castela pola provincia de Soria, e despois de pasar o ‘alto’ da Bigornia (1100 msnm, e vindo de Castela, non parece tal, pola chaira – subida) foi unha pequena alegría tanto por marcar un fito como porque comezaba a costa abaixo despois da subida que case non era.

    Cambio de conca. Do Douro ó Ebro, do correr da auga ó Regato de Vega, afluente do Rituerto pola chaira soriana, á do Manubles, e logo, a ‘outro’ rego da Vega, que, este pola rambla Ribota, aflúen ó Jalón. E o aumento da seca, visible nos leitos sen auga, pero máis patente nas forzas da erosión.

Erosión á beira da estrada, entrando en Aragón.

    … mesmo formando conxuntos curiosos, como o ‘castelo’ que, mirado a distancia, preguntei para asegurarme se era feito polo home ou pola natureza a uns gardas de tráfico nun control á beira da estrada. Resultou que tamén eran ciclistas e me aconsellaron sobre o tramo seguinte (como veremos, non debín entendelos moi ben)

Castelo construído pola erosión á altura de Torralba de Ribota.

     En resume, unha etapa descansada a pesar da lonxitude recorrida.

    Crónica dunha viaxe

    Crónica dunha viaxe / 0 Atravesando a península 

    Crónica dunha viaxe / 01 Ribadeo – O Cádavo

    Crónica dunha viaxe / 02 O Cádavo – Ponferrada    

    Crónica dunha viaxe / 03 Ponferrada – Astorga

    Crónica dunha viaxe / 04 Astorga – León

    Crónica dunha viaxe / 05 León – Villarmentero 

    Crónica dunha viaxe / 06 Villarmentero – Burgos

    Crónica dunha Viaxe / 07 Burgos – Santo Domingo de Silos 

    Crónica dunha viaxe / 08 Santo Domingo de Silos – Soria

    Crónica dunha viaxe / 09 Soria – Calatayud    

    Crónica dunha viaxe / 10 Calatayud – Calamocha 

    Crónica dunha viaxe / 11 Calamocha – Teruel  

    Crónica dunha viaxe / 12 Teruel – Teruel

    Crónica dunha viaxe / 13 Teruel – Barraques  

    Crónica dunha viaxe / 14 Barraques – La Vall d’Uixó 

    Crónica dunha viaxe / 15 La Vall d’Uixó – Sagunto  

    Crónica dunha viaxe / 16 Sagunto – Valencia 

    Crónica dunha viaxe / e 17, rematando


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *