Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

294 000 nacementos


Chego a unha noticia na constelación Putin-Trump-Ucraína. Mais en aparencia, non ten moito que ver. En aparencia. Resulta que, en Rusia, Putin está tentando lexislar/sacar adiante normativas e axudas para aumentar os embarazos, porque os nacementos teñen caído moito: 294 000 no primeiro trimestre de 2025 para un país de 146 000 000 habitantes.
Botemos algunha conta: serían 1 174 000 ó ano, o que significa unha taxa de nacementos de algo máis do 1,55 %, cousa de un terzo máis que que a galega. Claro que Galicia non está en guerra, pero a cambio, noutra orde de cousas, aínda que relacionado coa demografía, ten unha taxa (in)migratoria netamente maior.
Botando as contas doutro xeito: a 75 anos de media de vida pola que andan en Rusia, iso significaría que, de non ter cambiado a tendencia de nacementos e mortalidade, e sen considerar posibles migracións (coido que o goberno ruso polo momento máis ben considera a xenofobia que a atracción de inmigrantes) Rusia baixaría a cousa de 90 millóns de habitantes, menos de dous terzos da poboación actual. Unha baixada grande, maior que a que é previsible que terá unha Galicia na que estamos a vivir unha onda inmigratoria aínda cunha taxa de nacementos abondo inferior. Mais, aínda así, a poboación rusa superaría de lonxe a poboación da súa contrincante guerreira Ucraína, hoxe nuns 34 millóns de habitantes despois de ter acadado os 55 millóns a xeración pasada, na hora da súa independencia. Non está mal unha perda do 40 % da poboación en tres décadas…
Ate a China ten un problema demográfico. Despois dun terzo de século dunha política de fillo único para controlar o medre da poboación, agora téntase reverter con clama, aparentemente sen tanto éxito. Será que a China pasou a formar parte do ‘norte global’?
Mentres, a India segue a medrar despois de terse convertido nesta década no país máis poboado do mundo. Lembras cando circulaba aquela pregunta de que pasaría se todos os chinos se puxeran a saltar ó unísono? [Por certo, a resposta é ‘nada’] Pois agora hai máis indios que chinos houbo nunca, e nun espazo menor da metade. E mentres, outros, como Nixeria, medran aínda máis rápido relativamente. Así, ese país, Nixeria, cando eu era pequeno, tiña unha poboación comparable á de España. Hoxe a poboación de Nixeria é moito maior: multiplica por cinco á española, case duplicando á rusa e achegándose rápido á do conxunto da UE.
O mundo está a cambiar. Evidentemente, non é só a tecnoloxía, senón tamén tecnoloxía, entre outras moitas cousas…

Reaccións do Fediverso

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *