Ribadeo e as miñas cousas (chámalle Blog / Weblog / Bitácora / Caderno … )

A Coruña de Castelao. Xosé Carlos Rodríguez Rañón


Composición a partir dunha autocaricatura de Castelao e imaxe no D.P. creada por Barbarobarbarez en Wikimedia Commons

A CORUÑA DE CASTELAO

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

Este ano cumpriuse o 75º aniversario do pasamento de Castelao, probabelmente a meirande intelixencia galega do século XX. Con tal motivo, a fundación que leva o seu nome e a Real Academia das Belas Artes organizaron un roteiro polos lugares da cidade máis vencellados ao rianxeiro. 

Castelao ten un monumento nos xardíns de Méndez Núñez obra de Manuel Ferreiro Badía e inaugurado en 1986. Ese foi o punto de inicio para comezar a peregrinaxe laica até o colexio Eusebio da Guarda, onde Castelao expuxo parte da súa obra pictórica en 1912. A seguinte parada deste Via Crucis festeiro foi o Círculo de Artesáns na rúa de Santo André onde tamén expuxo en 1920 parte dos debuxos do álbume Nós Afonso Daniel. No próximo Cantón Grande tiña a súa rotativa o xornal El Ideal Gallego, co que Castelao colaborou en calidade de debuxante. Moi pretiño, no Obelisco (por certo, iniciativa do indiano e banqueiro ribadense Narciso Obanza, entre outros) actuou a tuna da universidade compostelá na que tocaba como estudante de medicina só “por amor a seu pai”. 

No actual teatro Rosalía de Castro fixo un discurso o 7 de xuño de 1936 a prol do estatuto de autonomía que o pobo galego aprobaría en plebiscito o 28 de xuño dese mesmo mes, e na veciña praza de María Pita (onde hoxe se atopa a fundación Paideia) estaba o local da Irmandade da Fala coruñesa, a primeira da Galiza. Xusto enfronte, no pazo municipal, tivo a súa sé unha tempada a Real Academia Galega na que o de Rianxo ingresou en 1934. Tamén alí, fáiselle unha homemaxe tras do seu pasamento ao galeguista viveirense Antón Vilar Ponte, amigo íntimo de Castelao e cuxo cadaleito axudou a levar. Velaquí a relación íntima do autor de “Sempre en Galiza” coa cidade herculina, malia ser un namorado da pétrea Compostela e de Pontevedra, a Boa Vila. 

Reaccións do Fediverso

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *