Adxunto a nota de Carlos Álvarez Lebredo sobre Choupín aparecida na Comarca de sábado pasado, que aporta abondos máis datos e detalles que a publicada por min.
A vitalidade musical de Manolo Choupín (1941-2023)
Carlos Álvarez Lebredo
![]()  | 
| Coro Miserere. 2004. V. Manuel Sanjurjo está abaixo o 3º pola esquerda | 
Co falecemento de Víctor Manuel Sanjurjo Láncara (Manolo Choupín) desaparece un importante actor da música en Ribadeo e unha especie de fío que axudou a compoñer e recompoñer diferentes agrupacións musicais ao longo de moitos anos. Para moita xente, como espectadores, Manolo Choupín foi sobre todo e durante moito tempo un bo tenor na Coral Polifónica de Ribadeo; pero o seu quefacer e o seu despregue musical atinxiu outras facetas pois durante a súa vida non parou de gabear por todo tipo de pentagramas.
    Apareceu Manolo Choupín a cantar en público con tan só 10 anos cando Carlos Álvarez Fernández-Cid recorreu a un grupiño de alumnos do colexio dos Hermanos Menesianos, ben ensaiados musicalmente polo hermano Juan Harán, para reforzar o seu veterano coro parroquial, que era tamén o que interpretaba o ‘Plorans’ de Pacheco nas procesións da Semana Santa. Estes nenos de boa voz (Pablo Cociña, José Carlos González Amado, José Duarte, Marcial Fernández) facían as voces brancas reforzando a parte feminina do coro. Por esa mesma época botou man destes nenos Emilio Carricoba, para interviren nalgunhas misas nas que tamén participaba a Banda de música que el dirixía.
    Poucos anos despois integrouse Manolo Choupín, con voz e laúd, xunto a varios   amigos   mozos   coma   el   (Francisco   Maseda,   Lolo   García   Méndez ‘Castellano’,   José   Antonio   Díaz   ‘Pinche’,   Alberto   Pelegrín…),   na   divertida   e veterana Rondalla que dirixía Fernández-Cid durante os veráns. Tamén por eses anos 1960-1961 esta seccción de mozos “independizábase” nalgunha ocasión dos veteranos (lóxico) e rondaban as mozas ribadenses e veraneantes convertidos en ‘Rondalla   Gamberros   Filharmónicos’.   Por   esa   mesma   época   Manolo   Choupín integrouse na Coral Polifónica de Ribadeo, nuns momentos en que se fixera moi necesaria a entrada de novas voces para compensar a saída de cantores que se viron obrigados a marchar de Ribadeo por razóns de estudos ou laborais.
    Tras uns anos de menor actividade da Polifónica a mediados dos anos setenta, a posibilidade real de contar con novas voces masculinas e femininas (moitas delas nenas con estudos regrados de música, alumnas de sor Pilar de León) fixo que Fernández-Cid se plantease en serio a reorganización da Coral para volver actuar máis alá de esporádicos certames, das liturxias de Semana Santa e das misas solemnes   da   Patroa   de   Ribadeo   o   día   8   de   setembro.   Das   tarefas   de   toda   a organización material encargouse con entusiasmo Manolo Choupín: informar do proxecto,   animar   os   indecisos,   xuntar   de   novo   os   veteranos,   ir   acoplando   os debutantes e detallar os horarios de ensaios. Foi unha axuda imprescindible para que   o   director   musical   puidese   poñer   en   pé   de   novo   e   ao   completo   toda   a maquinaria coral, unhas sesenta voces. Na fotografía oficial do concerto inaugural desta 2ª época da Coral Polifónica de Ribadeo forma Manolo Choupín entre os tenores e tamén a súa esposa Inmaculada Río e a filla de ambos, Inmaculada Sanjurjo Río. Anos máis tarde (1992) Manolo Choupín coincidiría co seu fillo Manuel nas filas da reorganizada Banda de música de Ribadeo: o pai coa tuba e o fillo coa trompeta.
    Cando a partir de 1982 John Rutherford reorganiza a Rondalla de Ribadeo, Manolo Choupín participa das súas rondas durante anos. Igual que no caso da Polifónica, el representaba o elo intermedio en idade, entre os veteranos desas dúas formacións e os músicos novos que se ían incorporando. A súa experiencia nas rondallas serviulle a V. Manuel Sanjurjo para decidirse a organizar unha rondalla infantil baixo a súa dirección. Comezou en 1984 cos primeiros ensaios a nenos e nenas do colexio de EXB Gregorio Sanz de Ribadeo. Xuntáronse entre 30 e 40 pequenos   instrumentistas   de   guitarras,   mandolinas,   bandurrias   e   pandeiretas   e adoptaron o nome de Rondalla Infantil Chascorrandeira. Actuaron durante dous anos en moitas localidades entre Luarca e San Sadurniño. A rondalla desfíxose cando esa promoción de nenos rematou os seus estudos no colexio. Pero en 1992 Manolo Choupín repetiu a expriencia de rondalla infantil cuns 30 nenos do colexio La Paloma de Castropol e mesmo chegaron a editar unha casete coas súas cancións en 1995.
    De novo no aspecto coral, hai que destacar o empeño de Manolo Sanjurjo por  rescatar un grupo de cantores para o tradicional ‘Miserere’ nas Semanas Santas de Ribadeo. E así creou   e dirixiu  o  grupo  que  con ese   mesmo  nome,  Miserere, acompaña   as   procesións   ribadenses   desde   1994.   Tamén   en   2003   relevou   na dirección do coro Airiños de Ribadeo (do Centro Social) a Gonzalo Montero, que o fundara en 1990.
    Noutra orde de cousas, V. Manuel Sanjurjo Láncara puxo o seu entusiasmo musical dentro da comisión cidadá que ao longo de 1988 debateu e madurou a idea de reorganizar en Ribadeo unha Academia que formase musicalmente nenos e
mozos e que, ao tempo, servise de canteira instrumental para unha futura Banda de música local, tras case trinta anos de inexistencia desta formación. Ao ano seguinte substanciouse esa idea, creouse a Asociación Amadores da Música e púxose en marcha a Academia de Música Carlos Álvarez Fernández-Cid, orixe da actual Escola Municipal de música e foro de aprendizaxe para os músicos da Banda de Ribadeo.
    Tamén en   novembro  de   1990  Manolo  Choupín  foi  quen   se  encargou  de organizar unha exposición fotográfica que baixo o título de “Laudate Ceciliam. Imaxes da música en Ribadeo”, ofreceu unha panorámica da música ribadense desde 1915, condensada en 105 fotografías e que estivo instalada na antiga Oficina de Turismo.
    Que descanse en paz Manolo Choupín, pero que nos deixe por aquí algo da súa enerxía e do seu entusiamo para que poidamos manter acesas as diferentes iniciativas musicais que tradicionalmente estiveron vivas en Ribadeo e que lle dan á localidade un carácter especial.
(Publicado en La Comarca del Eo, 14 de xaneiro de 2023, p. 4)

			